A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas crea unha Rede de Centros de Interpretación

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas adxudicou por 205.337 euros o seu proxecto de creación dunha Rede de Centros de Interpretación do territorio. O obxectivo desta iniciativa é aproveitar os equipamentos ambientais xa existentes, dotándoos de contido baixo o fío condutor de Mariñas Coruñesas, co fin de harmonizar e potenciar a oferta turística do destino.
A contratación do proxecto recae na empresa Estudos Técnicos Topysa SL. O presidente da Reserva, José Antonio Santiso, formalizou a adxudicación dos traballos co representante da empresa, José Carlos Varela. A iniciativa está financiada con fondos Next Generation ao formar parte do Plan de Sostibilidade Turística.
As actuacións levaranse a cabo en 12 instalacións do territorio da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas: aula de Natureza de Crendes (Abegondo); Centro de visitantes – Sede da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas (Abegondo); Museo do Mar de Sorrizo (Arteixo); Museo das Mariñas (Betanzos); Museo do Xacemento Romano de Cambre (Cambre); Sala da Colección Museográfica do Castro das Travesas (Carral); Centro de Visitantes do Río Mandeo (Coirós); Xardín Botánico do Burgo – Aula da Natureza Juan Lembeye (Culleredo); Casa Museo María Antonia Dans (Curtis); Centro Etnográfico do Río Mandeo (Teixeiro, Curtis); Aula do Mar (Oleiros); Aula da Ría (Paderne)
As intervencións serán específicas para cada un dos centros e estarán aliñadas coas súas respectivas temáticas. Os proxectos de tematización foron consensuados cos concellos titulares dos equipamentos, así como coa Deputación da Coruña, responsable dos centros de Chelo e Teixeiro.
En termos xerais, as melloras consistirán na instalación de soportes visuais, como placas e paneis informativos, a colocación de expositores con material divulgativo da Reserva e a produción de contidos audiovisuais.
Ademais, algúns centros contarán con materiais didácticos específicos. Por exemplo, no Museo do Mar de Sorrizo instalarase unha recreación en resina dos ecosistemas litorais e un mural de sete metros coas especies máis representativas. No Museo das Mariñas de Betanzos recrearase un posto da Feira, mentres que no Xardín Botánico do Burgo e no Centro Etnográfico de Curtis colocaranse refuxios de madeira para fauna.
O presidente da Reserva, José Antonio Santiso, destacou que con esta rede de centros búscase “dar un impulso á visibilización dos novos produtos turísticos, ao noso patrimonio material e inmaterial, así como ás empresas certificadas na marca de calidade”. Ademais, explicou que estes espazos estarán dispoñibles durante todo o ano para actividades de educación ambiental e ecoturismo.
“A suma de esforzos e recursos entre os concellos que formamos parte de Mariñas Coruñesas é esencial para medrar”, sinalou Santiso. Ademais, destacou que a rede permitirá dispoñer de puntos de divulgación en diversas contornas do territorio, desde o litoral e as rías ata os ríos, o monte e o patrimonio histórico.
Esta iniciativa representa un paso máis na modernización e posta en valor dos recursos da Reserva, axudando a interpretar o seu patrimonio e a sensibilizar sobre os valores ambientais deste territorio recoñecido pola UNESCO como Reserva de Biosfera desde o ano 2013.