A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas contará coa súa primeira Senda Ecoturística

ACoruñaXa
Ten como obxectivo revalorizar un camiño que ata o de agora permanecía inaccesible e infrautilizado
firma-senda-miño
22 Feb 2025

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas contará o vindeiro verán coa súa primeira Senda Ecoturística. A iniciativa permitirá recuperar un antigo sendeiro costeiro no concello de Miño, no tramo comprendido entre a Ponte do Porco e a Senda dos Sentidos. Esta actuación, impulsada en colaboración co Concello de Miño, ten como obxectivo revalorizar un camiño que ata o de agora permanecía inaccesible, infrautilizado e en estado de deterioro.

A execución dos traballos, cun orzamento de 64.636,26 euros, foi adxudicada á empresa Groma Obras S.L. O presidente da Reserva, José Antonio Santiso, formalizou onte o contrato coa empresa nun acto celebrado na sede de Mariñas Coruñesas, no que tamén estiveron presentes o concelleiro de Turismo de Miño, José Manuel Pantín, e o xerente, Diego López. A sinatura do contrato marca o inicio inminente das obras, que se prevé que estean rematadas o 1 de xullo.

Formulamos esta Senda Ecoturística como proxecto piloto para inspirar futuras iniciativas similares na comarca, sinalou Santiso, quen destacou a aposta pola recuperación ambiental, a mitigación da pegada de carbono e a mellora paisaxística, creando un espazo que combine uso veciñal e atractivo turístico.

A intervención desenvolverase ao longo de 280 metros no bordo costeiro do río Lambre, discorrendo parcialmente por parcelas privadas cuxos propietarios colaboran cedendo o uso do terreo durante 30 anos. O proxecto forma parte do Plan de Sustentabilidade Turística de Mariñas Coruñesas, financiado cos fondos Next Generation.

Eliminaranse especies exóticas invasoras, como a acacia, especialmente presente no talude dunha das parcelas próximas ao ecosistema dunar. Tamén se retirarán eucaliptos e outras plantas invasoras de menor tamaño. No seu lugar, restaurarase a vexetación autóctona para frear a erosión, incluíndo a plantación de sebes de loureiro de entre 75 e 100 centímetros de altura nos límites coas fincas lindeiras.

Para garantir a seguridade dos usuarios e delimitar o percorrido, instalarase unha protección simple composta por rolos de madeira unidos con corda, mantendo a coherencia estética coa Senda dos Sentidos. Ademais, acondicionaranse as escaleiras existentes para mellorar a súa integración paisaxística e funcionalidade. Prevese a colocación dunha pasarela de madeira lixeiramente elevada de 50 metros para facilitar o paso peonil.

O proxecto contempla tamén a mellora dunha zona de aparcadoiro informal preto da praia da Alameda e a demolición de muros de formigón, postes e peches metálicos que actualmente obstaculizan o tránsito no Dominio Público Marítimo-Terrestre. Para completar a actuación, instalarase sinalización informativa con carteis elaborados con travesas ecolóxicas, orientados a mellorar a experiencia dos visitantes neste espazo natural.

0.17028999328613