A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas completa un plan de conservación e desenvolvemento sostible

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas finalizou nos últimos tres anos un plan estratéxico en materia de conservación de ecosistemas, desenvolvemento sostible e gobernanza grazas a un financiamento de 422.000 euros procedentes dos fondos Next Generation da Consellería de Medio Ambiente. Durante este tempo, leváronse a cabo máis de 20 accións enfocadas á mellora do patrimonio e da paisaxe, así como á xestión da biodiversidade.
A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, visitou hoxe a sede da Reserva en Abegondo para coñecer os resultados do plan, acompañada polo presidente da entidade, José Antonio Santiso, e o xerente, Diego López. Tamén asistiron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz.
Aposta polo ecoturismo e a conservación ambiental
O plan desenvolvido nos últimos anos puxo en valor o territorio a través da potenciación do ecoturismo e da conservación ambiental. Entre as actuacións máis destacadas neste eido inclúense o acondicionamento do observatorio de aves do encoro de Abegondo-Cecebre, a sinalización da Ruta de Ecoturismo Cervexeiro e da Ruta Agroalimentaria, así como a delimitación xeográfica da Reserva nas estradas. Ademais, mellorouse a contorna exterior da sede, que contou cun investimento superior aos 30.000 euros, permitindo a execución de traballos como drenaxe do terreo, plantación de céspede e árbores autóctonas, instalación de paneis informativos e mobiliario.
No apartado de conservación da biodiversidade, realizáronse accións como a retirada de especies invasoras na Ría de Betanzos e no encoro de Abegondo-Cecebre, un plan de control do cangrexo americano, a creación dunha charca para anfibios no CIAM e o seguimento da fauna e flora na área de actuación do proxecto LIFE Fluvial.
Fortalecemento da gobernanza e novos proxectos
En canto á mellora da gobernanza, o plan incluíu actividades formativas como as xornadas sobre a especie do ano, o maratón ornitolóxico, a participación na feira Open Science ou o programa Educando na Biosfera nos centros escolares.
A conselleira Ánxeles Vázquez destacou o papel exemplar da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas a nivel galego e avanzou que loitará por conseguir novos fondos europeos Next Generation para impulsar estas iniciativas, comprometéndose a buscar financiamento propio en caso de non obtelos. “Galicia quere seguir afondando nos territorios Reserva da Biosfera”, sinalou.
En total, as actuacións desenvolvidas sumaron un investimento de 469.000 euros, grazas á incorporación de fondos adicionais do Programa Leader, fondos propios da Reserva e colaboracións coa cátedra Hijos de Rivera-UDC en desenvolvemento sostible e coa cátedra Emalcsa-UDC.