A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas obtén a certificación en Calidade Turística

ACoruñaXa
A certificación recoñece o traballo en rede das oficinas e centros de información turística da Reserva de Biosfera e aposta pola formación continua e o turismo de proximidade
Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas
10 Jan 2025

Mariñas Coruñesas, Reserva de Biosfera, conseguiu a certificación en Calidade Turística outorgada polo Ministerio para as súas oficinas de turismo e centros de información turística. Este logro chega tras un ano de formacións impartidas ao persoal destes espazos, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña.

O obxectivo principal desta iniciativa é mellorar continuamente a calidade destes centros, fomentar o traballo en rede entre os concellos que forman parte da Reserva e poñer en valor o papel dinamizador do persoal encargado, tanto na promoción do patrimonio como na conexión coas empresas e experiencias turísticas de Mariñas Coruñesas.

En total, son once os espazos que recibiron a certificación: Aula do Mar de Oleiros; Casa Museo María Antonia Dans, en Curtis; Centro Etnográfico Río Mandeo, en Teixeiro; Museo Xacemento Romano de Cambre; Oficinas de Turismo de Betanzos, Culleredo, Miño, Sada e Santa Cristina; Oficina de Turismo de Sobrado dos Monxes; e o Centro de Interpretación do Río Mandeo, en Coirós.

De cara a 2025, a Reserva de Biosfera continuará coas formacións para estes centros e abrirá a participación a outro tipo de espazos que non sexan exclusivamente de titularidade pública ou municipal. A iniciativa busca fidelizar ao turista, reforzar a colaboración público-privada e traballar nun modelo de turismo de proximidade que permita desestacionalizar a oferta da zona.

"Queremos fomentar o traballo en rede e unir esforzos pola calidade turística do territorio", afirmou José Antonio Santiso, presidente da Reserva. Mariñas Coruñesas avanza cada ano na configuración dunha oferta "singular, diferente e desestacionalizada", engadiu, destacando que a promoción do destino beneficia a todos os municipios que o compoñen.

En 2024, Mariñas Coruñesas contou con 69 empresas turísticas certificadas, entre as que se inclúen 20 restaurantes, 16 aloxamentos, 12 empresas de agroturismo, 17 empresas de actividades turísticas, dúas empresas de transporte e dúas axencias locais de comercialización do territorio.

0.15675592422485