A renovación da iluminación da Ponte do Pedrido atrae catro ofertas e estaría lista a finais de ano

A emblemática Ponte do Pedrido, que conecta os concellos de Bergondo e Paderne sobre a ría de Betanzos, prepárase para estrear nova iluminación. A Xunta de Galicia recibiu catro ofertas para executar as obras de mellora previstas nesta infraestrutura da estrada AC-164, cun investimento estimado de 972.700 euros.
Segundo informa o Goberno galego, a adxudicación está prevista para o verán, e os traballos estarán finalizados antes de que remate o ano. A actuación busca poñer en valor un dos símbolos da enxeñaría galega, cunha intervención que combina funcionalidade, eficiencia enerxética e respecto polo patrimonio arquitectónico.
A nova instalación incluirá 194 proxectores LED e 35 luminarias LED específicas para iluminación viaria. Este sistema permitirá destacar os elementos estruturais e arquitectónicos da ponte ao tempo que se reduce o consumo enerxético e o impacto da contaminación luminosa. A medida encaixa co compromiso da Xunta por mellorar a eficiencia e a sustentabilidade das súas infraestruturas.
A Ponte do Pedrido, ademais do seu valor histórico, soporta un elevado volume de tráfico —máis de 10.000 vehículos ao día— ao actuar como alternativa libre de peaxe á autoestrada estatal. A intervención completa outras actuacións xa realizadas previamente para reforzar a durabilidade desta infraestrutura clave.
Esta mellora insírese nas accións de mantemento e conservación das pontes e estruturas das vías de titularidade autonómica, co obxectivo de garantir a seguridade viaria e preservar o valor patrimonial das grandes obras públicas de Galicia.