A reforma integral de Sanjurjo Carricarte e Hersa impulsa a renovación urbana no centro de O Burgo

As rúas semipeonís Sanjurjo Carricarte e Hersa, no corazón de O Burgo, afrontarán unha transformación completa coa elaboración dun proxecto de rehabilitación integral. O Concello de Culleredo contratará unha asistencia técnica para definir os traballos e cuantificar a actuación, que se calcula arredor dos 500.000 euros.
A intervención chega despois de que, a finais da década dos 2000, ambas vías fosen obxecto dunha actuación que lles deu carácter peonil. Co paso do tempo, porén, o firme presenta un desgaste notable, especialmente na franxa pola que circulan vehículos. Segundo trasladou o alcalde, José Ramón Rioboo, actualmente existe 'un deterioro bastante importante da zona de rodadura'.
Os desperfectos, localizados nun pavimento de pedra de cantería, fan necesaria unha remodelación a fondo. Ademais de reparar o firme, o proxecto permitirá reordenar os usos das dúas rúas mantendo a prioridade peonil e incorporará a renovación do mobiliario urbano.
Esta actuación engádese a outras intervencións que o goberno municipal ten en marcha en O Burgo. Sen saír da contorna, segue aberto o prazo para presentar ofertas para a reforma integral da rúa Andrés Pan Vieiro, cun orzamento de 461.000 euros. Ese proxecto aposta por unha humanización máis profunda e sostible, orientada a mellorar a seguridade viaria e modernizar os espazos.
O conxunto destas obras inscríbese nos plans de renovación urbana do municipio, un proceso que, segundo o executivo local, gañará intensidade coa concesión de 6,5 millóns de euros en fondos europeos para o Plan de Acción Integrado.