A reforma integral da travesía iniciarase en marzo cun investimento de 3,6 millóns de euros

O Concello de Arteixo prevé comezar na primeira quincena de marzo as obras da reforma integral da travesía, unha actuación que pretende transformar unha das principais arterias do núcleo urbano. O proxecto arrincará coa demolición de cinco edificacións abandonadas situadas no Alto de Arteixo, no cruce coa avenida de Santo Estevo, co obxectivo de gañar espazo e facilitar a circulación, especialmente no paso de vehículos pesados.
Esta primeira fase intervirá no tramo comprendido entre a rotonda de Sabón e a contorna das rúas Reconquista e Independencia, no sector que o Concello sinala como o máis necesitado de melloras. Son 1,8 quilómetros nunha zona na que residen preto de 2.600 veciños e veciñas e na que se prevén cambios tanto na mobilidade como na accesibilidade.
O plan contempla a creación de novos aparcadoiros, a construción de varias glorietas para ordenar o tráfico e a habilitación de zonas de descanso. Ademais, prevese ampliar e conectar beirarrúas, renovar firmes e sinalización e instalar nova iluminación LED. O investimento municipal anunciado para o conxunto desta actuación ascende a 3,6 millóns de euros.