A reforma da avenida de Vilaboa e da praza Sagrada Familia arrincará a vindeira semana con poucas afeccións ao tráfico

ACoruñaXa
A obra, que suma preto de 3 millóns de euros contando todas as fases, prolongarase durante nove meses e consolida a modernización do núcleo
CULLEREDO vilaboa
22 Feb 2026

A transformación de Vilaboa dará un novo paso a partir da vindeira semana co inicio das obras no tramo pendente da súa avenida principal e coa reurbanización da praza Sagrada Familia. Segundo a planificación prevista, trátase dunha actuación pensada para manter a circulación con normalidade na maior parte do tempo, con incidencias puntuais e moi localizadas.

Na avenida de Vilaboa executarase unha renovación integral entre a ponte sobre a AP-9 e a bocarrúa con Luís Seoane, cun investimento de 798.210 euros. Esta fase dá continuidade ás intervencións anteriores que xa modernizaron o treito desde a praza da Igrexa. Os traballos comezarán na contorna da ponte da autoestrada e, de primeiras, centraranse na ampliación das beirarrúas, o que obrigará a desviar provisionalmente os percorridos peonís.

Ao longo da obra tamén se prevén cortes puntuais de carril e a supresión temporal dalgunhas prazas de aparcamento. A renovación do firme quedará para a recta final, cara a finais de ano, e o reasfaltado realizarase en horario nocturno para reducir ao máximo o impacto nunha vía con moito tráfico.

No caso da praza Sagrada Familia, a actuación conta cun orzamento de 613.962 euros e pode provocar pequenas modificacións no día a día da zona, como a anulación temporal de espazos para estacionar ou cambios no tránsito peonil. O obxectivo é gañar unha área peonil ampla e, ao mesmo tempo, manter a capacidade de aparcamento coa creación de novas prazas en batería.

Coa suma das fases xa executadas na avenida de Vilaboa, o investimento total achégase aos 3 millóns de euros. A reforma forma parte dun proceso máis amplo de modernización do núcleo, no que tamén se inclúen outras actuacións como a mellora da rúa Domingo Serra.

0.089385986328125