A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá 31 funcións de 22 espectáculos de teatro e danza na Coruña

ACoruñaXa
O Teatro Rosalía Castro, o Fórum Metropolitano e o Centro Ágora son os tres espazos onde se desenvolverá a programación
Cincenta_Sarabela
23 Jan 2025

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá ata o mes de maio un total de 31 funcións de 22 espectáculos de teatro e danza na cidade da Coruña.

O Teatro Rosalía Castro, o Fórum Metropolitano e o Centro Ágora son os tres espazos onde se desenvolverá a programación para o primeiro semestre de 2025.

O circuíto de espectáculos impulsado pola Xunta e confinanciado cos máis de 40 concellos galegos asociados arrincará a súa carteleira arranca este venres, 24 de xaneiro, no Teatro Rosalía Castro, con ‘As formas do amor’, unha proposta da compañía galega Verdeveras coproducida polo Centro Dramático Galego, na que a dramaturga e actriz María Ángeles Iglesias comparte escenario con Sergio Zearreta e fai reflexionar, en clave de humor, sobre o amor e as diversas formas de amar.

A esta cita seguiranlle no marco da Rede citas cos últimos espectáculos de compañías galegas como Sarabela, Teatro do Noroeste, Talía, Amorodio, Artefeito, Os Náufragos Teatro ou Redrum, e de formacións de fóra de Galicia como El Patio Teatro, Anita Maravillas, Teatro Clásico de Sevilla ou Andrea Jiménez con Teatro de la Abadía, entre outras.

PLATAFORMA DE ESTREAS GALEGAS

A Rede Galega de Teatros e Auditorios volve situarse, ademais, como plataforma escollida polas formacións artísticas do país para presentar ao público as súas novas producións.

Así, no Teatro Rosalía Castro da Coruña estrearase o venres 7 de febreiro ‘Reconversión’, de Ibuprofeno Teatro, cun segundo pase o sábado 8. Escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, a obra preséntase como un exercicio de memoria histórica sobre o sector naval na ría de Vigo.

Xa o 5 de abril, tamén no Teatro Rosalía Castro, Julia Laport estreará ‘Para que non me deixes aquí soa’, un traballo onde a bailarina coruñesa investiga a perda de identidade e a procura doutro ser que poida cubrir a carencia a través da disciplina do waacking (estilo de baile orixinario das discotecas californianas dos anos 70, caracterizado pola combinación de movemento rápidos con poses dramáticas.

MÁIS ESPECTÁCULOS

A carteleira coruñesa da rede ofrecerá ata maio diferentes espectáculos de teatro e danza, tanto para público adulto como familiar.

En febreiro poderán verse no Fórum Metropolitano ‘A cincenta que non quería comer perdices’, de Sarabela Teatro, os días 7 e 8; ‘Romeo e Xulieta’, de Mutismoa Teatro, o 14; e Absurdia, de Dani Blanco, o 21; mentres que no Teatro Rosalía o venres 14 se presentará ‘Guerra’, de Teatro do Noroeste.

No mes de marzo, haberá dous pases os días 7 e 8 de marzo de ‘La maestra’, de Anita Maravillas, no Fórum. Neste mesmo espazo, poderá verse ‘Soños’, de Artefeito, o día 14; e Solo, de Roi Borrallas, os días 21 e 22. O domingo 9 están programados dous pases de ‘Comenoites’, de Os Náufragos Teatro, no Centro Ágora; o sábado 15 chegará a peza de teatro de obxectos ‘Entrañas’, de El Patio Teatro, con dúas funcións no Teatro Rosalía, que tamén acollerá ‘Un deus salvaxe’, de Talía Teatro, os días 21 e 22 de marzo.

En abril, o venres 4 representarase ‘La violación de Lucrecia’, de Teatro Clásico de Sevilla, no Fórum Metropolitano, e ‘Casting Lea’r, de Andrea Jiménez con Teatro de La Abadía, o día 11 no Teatro Rosalía. Na semana da danza, o escenario da coruñesa rúa de Rego de Auga acolle o mércores 30 de abril ‘Transeúnte’, a última creación do bailarín Daniel Rodríguez en coprodución co Centro Coreográfico Galego.

A programación pecharase en maio con ‘Moby Dick’, de Pedras de Cartón, os días 9 e 10; Cortello de amor, de Amorodio Teatro, o 16; e ‘Os contos do Lobicán’, de Redrum Teatro, os días 23 e 24, todas no Fórum. No Teatro Rosalía Castro estarán ‘As desterradas’, de Excéntricas, os días 23 e 24; e ‘Perder a lingua’, de Eva Comesaña, o venres 30.

0.17063498497009