A rede de mecos do Entroido medra na comarca: 'O obxectivo é consolídalo'

ACoruñaXa
A Asociación Chalana Cultural de Miño impulsou #entroidizaoteurueiro para recuperar os 'entroidos de palla', sumar asociacións e colexios e facer que a festa se note no rueiro antes e despois do martes grande
MECOS miño
27 Feb 2026

Non fai falta un cartel para saber que chega o Entroido cando, de súpeto, aparece un meco nunha praza. Un boneco de palla con roupa vella, unha mensaxe con retranca e a capacidade de converter un recuncho calquera nun punto de encontro. Esa é a chispa que está detrás de #entroidizaoteurueiro, unha iniciativa promovida pola Asociación Chalana Cultural de Miño para recuperar os tradicionais entroidos de palla e estender a festa máis alá dun acto illado. O meco nace en Galicia como unha figura que personifica o propio Entroido, unha figura de palla vestida que, na tradición, adoita rematar queimada ao peche das festas.

Miguel Anxo Abraira, integrante da entidade, sitúa a orixe do proxecto na traxectoria cultural da asociación, que no verán organiza a Muinhada, un festival alternativo nas beiras do río Lambre, e no inverno impulsou un homenaxe ao cinema no rural en Vilarmaior. A partir desa liña, decidiron seguir apostando polo rural e recuperar a figura do meco do Entroido na zona.

A clave, explica, era que non quedase nun xesto puntual: 'Había que estendelo a toda a comarca, non podía ser un acto puntual e tiña que durar un tempo'. Así, a proposta saíu dunha asemblea da asociación e foise ofrecendo a outras organizacións ata crear unha rede que, segundo Miguel, este ano sumou unhas catorce entidades, entre asociacións e colexios. Entre as entidades participantes figuran, por exemplo, a Asociación de Veciños San Pantaleón (Paderne), a AAVV A Armonía de Vilarmaior e a Asociación de Veciños de Carraceda (Oza-Cesuras).

Ese traballo coas escolas foi decisivo para que a iniciativa entrase nas casas. 'Unha cousa que lles dicíamos aos nenos é que tiñan que conseguir que seus pais os axudasen a facer un bo meco', relata, subliñando que o impulso da rapazada axudou a aumentar a participación e a converter a construción do boneco nunha actividade familiar.

Derrás da estética, hai tamén unha reivindicación cultural. Abraira considera que o Entroido quedou 'un pouco apartado, esquecido' e mesmo apunta ao debate dos festivos: lembra que 'máis do 50% dos concellos de Galicia consideran o martes de Entroido como festivo local' e cuestiona que non teña maior recoñecemento.

Por iso, o propósito non é só decorar. 'O que pretendemos é que non sexa unha festividade organizada senón que saia a propia xente', di, insistindo en que 'teñen que haber elementos de Entroido desde antes' para que a veciñanza o perciba, se prepare e se anime a celebrar.

A campaña tamén recupera o fío máis simbólico da festa: a despedida do inverno e a chegada da primavera. Abraira fala de 'chamar pola primavera' e explica que colocaron os mecos pouco antes do martes de Entroido e os retiraron despois do domingo do Entroido pequeno, marcando datas para estirar a celebración no calendario e no rueiro.

Xa co Entroido pasado, o balance deixa matices. 'O ano pasado tivo máis impacto' e 'este ano un pouquiño menos', recoñece, atribuíndoo ao mal tempo, aínda que destaca que houbo 'máis reunións, charlas informativas e talleres de construción de mecos'. A pesar diso, defende que 'a acollida é moi boa' porque cando aparece un meco 'a xente se fotografía con el e o comenta'.

Tamén houbo aprendizaxes na coordinación. En Betanzos, por exemplo, menciona que o servizo de limpeza do Concello retirou por erro un dos mecos instalados no rueiro, e lembra que, cando o tempo acompaña e a participación medra, os mecos chegan a crear rutas espontáneas: 'O ano pasado, na parroquia de Callobre (Miño), fíxose a ruta dos mecos porque había preto de 20 mecos instalados e a xente ía dun a outro'.

O seguinte paso, en todo caso, mira ao futuro. 'O obxectivo é consolídalo', afirma Abraira, coa idea de que facer un meco acabe sendo un hábito social, como cando os veciños colocan as luces de Nadal nas súas vivendas. O que tamén xa está en marcha é que poidan comezar a xurdir celebracións de 'entroidos pequenos' coa despedida do meco, e incluso recuperar figuras colectivas que existían no pasado. E engade que esta recuperación pode ir máis alá dun nome concreto: 'porque non só existía o Policarpio en Samede, senón que existían outras figuras na comarca, como a Cuca en Betanzos'.

0.14964985847473