A rede de abastecemento de Oleiros dará un salto tecnolóxico cun investimento de cinco millóns

ACoruñaXa
Esta medida permitirá continuar coa renovación das redes xerais de auga máis antigas do municipio
Imaxe da casa do Concello de Oleiros
27 Jul 2025

O Concello de Oleiros dará un novo impulso á modernización do seu sistema de abastecemento coa aprobación, no próximo pleno, dunha ampliación de capital da empresa pública AquaOleiros por valor de cinco millóns de euros. Esta medida permitirá continuar coa renovación das redes xerais de auga máis antigas do municipio, ao tempo que se incorpora nova tecnoloxía para mellorar a eficiencia na xestión do servizo.

Segundo explica o Goberno local, parte deste investimento irá destinado a “sectorizar a rede con distintos mecanismos para optimizar a prestación do servizo”. A actuación permitirá tamén unha maior capacidade de control e resposta ante posibles incidencias, reducindo tempos de reparación e mellorando a calidade do subministro.

Paralelamente, o Concello asumirá directamente, con cargo aos orzamentos municipais deste ano, varias intervencións prioritarias como a renovación da rede xeral en Nós (avenida Salvador Allende) e os tramos pendentes nas localidades de Montrove e Oleiros, en zonas como Rosalía de Castro-Lamastelle, A Pezoca-Quinta Canaima e entre o depósito da Edreira e a rúa Pazo.

No marco da nova ampliación de capital de AquaOleiros, tamén se acometerán obras relevantes como a substitución das tubaxes de fibrocemento que aínda quedan na avenida das Mariñas, así como os tramos máis antigos de PVC localizados, principalmente, nas parroquias de Dorneda e Serantes.

Actualmente, a rede de abastecemento de Oleiros conta cun total de 432 quilómetros de canalización e 11 depósitos, que, segundo destaca o Concello, “se atopan en constante proceso de mellora, destinando todos os anos importantes recursos económicos á súa renovación”. O criterio que se segue para priorizar as intervencións céntrase nas zonas con maior frecuencia de roturas, normalmente asociadas ás instalacións máis antigas.

Con este novo investimento, o Goberno municipal reafirma o seu compromiso cun servizo público esencial, garantindo un subministro eficiente, moderno e sustentable para a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.24681520462036