A Rede Cultural da Deputación ofrece 2182 espectáculos en concellos da provincia

ACoruñaXa
A programación inclúe teatro, monicreques, maxia, danza, música, cinema ou narración oral
rede-cultural-dep
24 Mar 2025

A Deputación da Coruña impulsa un ano máis a Rede Cultural, unha iniciativa que levará 2182 espectáculos a concellos e entidades da provincia cun orzamento de 1.975.000 euros. A programación inclúe teatro, monicreques, maxia, danza, música, cinema e narración oral, entre outras propostas culturais. As actuacións desenvolveranse ata o 31 de marzo de 2026, e os concellos interesados poden solicitar as actividades ata o 1 de abril.

A oferta divídese en catro programas principais: Escena ao vivo, dirixido aos concellos, inclúe 1573 espectáculos profesionais de teatro, monicreques, maxia, danza e música. Visións, centrado en cinema e contidos audiovisuais, suma 95 filmes. Lingua a escena!, orientado á promoción do galego a través das artes escénicas, contará con 68 actuacións. Alicerce, pensado para grupos non profesionais de música, danza e teatro, ofrecerá 446 espectáculos.

A Deputación financiará unha parte do custo das actuacións, cunha porcentaxe variable segundo o tamaño do concello: cubrirá o 75 % nos de menos de 5.000 habitantes, o 60 % nos de entre 5.001 e 10.000, o 50 % nos de entre 10.001 e 20.000, o 40 % nos de entre 20.001 e 50.000 e o 30 % nos de máis de 50.000 habitantes.

A programación deste ano conta con artistas e compañías recoñecidas como Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Pakolas, Los Limones, Os Revenidos, Tam Tam Go!, Silvia Penide, Néstor Pardo, Nova Galega de Danza, David Perdomo, Federico Pérez, Pepo Suevos, Zënzar, Ataque Escampe, Familia Caamagno, Grampoder, Quico Cadaval, Mofa e Befa, Excéntricas, Guadi Galego e Mercedes Peón.

A Rede Cultural continúa a consolidarse como un circuíto fundamental para achegar a cultura a todos os municipios da provincia. A través desta iniciativa, a Deputación busca garantir o acceso á cultura, poñer en valor a lingua galega e impulsar a creación artística no territorio.

⚙ Configurar cookies
0.47368788719177