A Rede Cultural da Deputación levará 1184 espectáculos a todos os concellos da provincia

A Deputación da Coruña vén de anunciar a programación da Rede Cultural 2025, un circuíto que ofrecerá 1.184 espectáculos en todos os concellos da provincia e que se estenderá ata o 31 de marzo de 2026. O investimento destinado a esta nova edición alcanza os 1.521.024 euros.
A programación incluirá propostas de teatro, monicreques, maxia, danza, música, cinema e narración oral, así como contidos centrados na dinamización social da lingua galega. A intención é achegar a cultura de calidade a todos os recunchos do territorio, mesmo aos municipios máis pequenos.
“Con esta nova edición da Rede Cultural consolidamos un modelo descentralizado, sostible e participativo, que sitúa a cultura como un dereito e un servizo público”, destacou a deputada de Cultura, Natividade González. A representante provincial salientou tamén que “a cultura crea comunidade, xera emprego e, sobre todo, emociona e transforma; e desde a Deputación seguiremos traballando para garantir este dereito en todos os recunchos da provincia”.
Segundo González, a aposta do departamento de Cultura pasa por manter “un circuíto que tece redes e que, desde a proximidade e en colaboración coas administracións locais, enriquece a vida da veciñanza, ademais de proporcionar un espazo de traballo relevante e ofrecer oportunidades profesionais a compañías e artistas”.
A deputada defendeu que “a cultura é un motor de desenvolvemento social e económico, e este investimento permitirá achegar a todos os concellos da provincia, mesmo aos máis pequenos, un programación diversa e de calidade que reflicte a riqueza e o talento do sector, desde o teatro á música, a danza, o cinema, a maxia ou a narración oral”.