A recta final do Balneario reserva espazos para conciliación, estudo e creación

O Balneario de Arteixo entra nunha nova etapa da súa transformación. O Concello vén de poñer en marcha a cuarta fase das obras no edificio principal, centrada na reforma integral da primeira e da segunda planta. Segundo a planificación avanzada, a actuación permitirá dotar o inmoble de novos usos públicos e encarar a apertura das instalacións renovadas a principios de 2027.
Na primeira planta habilitaranse unha ludoteca e áreas de conciliación para crianzas e maiores, mentres que o segundo andar acollerá un espazo 'maker' con recursos audiovisuais e salas de estudo. A intervención manterá a estrutura orixinal do inmoble e incorporará medidas de eficiencia enerxética e materiais sostibles. Esta fase avanza ademais en paralelo á recuperación da Casa de Baños, unha obra adxudicada por 2,7 millóns de euros que incluirá unha piscina termal cuberta e un novo percorrido de benestar.
O proxecto dá continuidade a un proceso iniciado anos atrás no conxunto histórico. En 2023 quedou rematada a primeira fase da reforma do edificio principal, cun investimento de 768.000 euros para acondicionar a planta baixa e o xardín exterior como espazos públicos. Nesa mesma contorna, a antiga capela do balneario foi reconvertida en 'A Capela', un espazo cultural multiusos con capacidade para 60 persoas no que xa se programan concertos, presentacións e outras actividades.