A Real Filharmonía de Galicia celebra 30 anos cun programa sorpresa en catro cidades

A Real Filharmonía de Galicia conmemora o seu 30º aniversario cun programa especial titulado Historias da Historia, que percorrerá Santiago de Compostela, Vigo, Ferrol e A Coruña como parte dunha celebración compartida coa cidadanía.
O concerto estará dirixido polo director titular e artístico da formación, Baldur Brönnimann, e constitúe tamén unha homenaxe ao mestre Helmuth Rilling, figura clave nos inicios da orquestra e director entre 1996 e 2000.
Integrado na temporada “Historias”, o programa aposta por un repertorio sorpresa, pensado para fomentar a escoita activa e a emoción da descuberta, nun percorrido musical que revisita momentos e protagonistas da traxectoria da RFG, ao tempo que proxecta o seu futuro como institución cultural pública e comprometida coa excelencia.
Catro cidades para unha celebración compartida
A serie de concertos arrancará o 28 de febreiro no Auditorio de Galicia en Santiago (20.30 h). Posteriormente, a orquestra actuará o 4 de marzo no Centro Cultural Afundación de Vigo (20.00 h), o 5 no Auditorio de Ferrol (20.30 h) e o 6 no Palacio da Ópera da Coruña (20.00 h).
Con este percorrido, a Real Filharmonía reforza o seu vínculo co territorio e estende a conmemoración do aniversario por distintas cidades galegas.
Un espazo creativo para o público máis novo
En paralelo ao concerto de Santiago, a Sala Circular do Auditorio de Galicia acollerá un obradoiro de creación de fanzines dirixido a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos. A actividade, de balde e con inscrición previa a través da web compostelacultura.gal, busca fomentar unha aproximación lúdica á música sinfónica a través da colaxe, pintura e escrita.
Entradas
As entradas para o concerto en Santiago teñen un prezo de 15 euros, con descontos do 50% para diferentes colectivos, e poden adquirirse na web de Compostela Cultura e nos despachos de billetes habilitados.
Para Vigo, Ferrol e A Coruña, as entradas están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla, con prezos desde 13,30 euros en Vigo, 17,60 euros en Ferrol e 14,25 euros na Coruña.