A Real Academia Galega inaugura en Sada a Primavera das Letras de Luísa Villalta

ACoruñaXa
A escritora coruñesa é a homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. A Casa da Cultura de Sada acolleu a festa celebrada pola RAG da man da comunidade educativa do CEIP Sada y sus Contornos e o IES Isaac Díaz Pardo, onde Luísa Villalta foi docente dende 1991 ata o seu pasamento en 2004
Imaxe da presentación da Primavera das Letras de Luísa Villalta en Sada
27 Feb 2024

A Real Academia Galega inaugurou este martes en Sada a nova edición do proxecto para o público infantil Primavera das Letras. Nesta ocasión fixoo da man das comunidades educativas do CEIP Sada y sus Contornos e do IES Isaac Díaz Pardo, que puxeron en escena unha adaptación teatral da biografía infantil de Luísa Villalta que a RAG publicará na Rede; e unha representación dos mozos e mozas do IES Isaac Díaz Pardo de Sada, onde a escritora á que a institución lle dedica o Día das Letras Galegas 2024 foi docente dende 1991 ata o seu pasamento en 2004.

Deste xeiro, o violín de Luísa Villata, a guitarra inglesa de Rosalía e unha pequena de pelo escuro e ollos da cor do loureiro preséntanlles a vida e a obra da protagonista do Día das Letras Galegas 2024 aos nenos e nenas no conto biografía sobre a homenaxeada que xa pode descargarse en primaveradasletras.gal.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e a académica responsable desta páxina web, Fina Casalderrey, inauguraron hoxe en Sada a nova edición do proxecto dixital. No acto tamén participaron Susana Villalta, irmá da homenaxeada, e o alcalde de Sada, Benito Portela.

Xoán Babarro e Ana María Fernández son os autores do conto biográfico, titulado 'Violino, Inglesa e o libro xigante'. Unha pequena biografía de Luísa Villalta, no que “achegan a xente miúda da maneira atractiva á nosa autora”, salientou Fina Casalderrey. Canda estas dúas figuras de referencia da literatura infantil e xuvenil (LIX) do país dende a década dos anos 70 -recoñecidas con distintos galardóns-, traballou poñéndolle imaxes á historia o premio Nacional de Ilustración Óscar Villán.

A RAG ofrece ademais en primaveradasletras.gal unha serie de actividades interactivas arredor do universo vital e literario da autora que irán medrando nas vindeiras semanas, fichas para colorear e ligazóns de interese, e volverá convocar o concurso Contádenos o voso Día das Letras.

Nos vindeiros días, dentro da sección Lingua Guapa -que ofrece contidos alén da celebración do Día das Letras Galegas- estrearanse así mesmo unha serie de entrevistas a autores da LIX do país nas que rememoran o seu espertar como lectores e escritores. A primeira será a protagonizada por Paco Martín, creador de títulos célebres como o afamado Das cousas de Ramón Lamote, que lle dá nome a toda unha xeración de escritores da nosa LIX dos anos 80 e 90 do século pasado. Todas estas iniciativas contan co apoio económico da Deputación da Coruña, que financia Primavera das Letras dende a súa posta en marcha no ano 2016.

 

0.20087313652039