A Real Academia Galega e PuntoGal abren en febreiro o IX Concurso de microrrelatos

ACoruñaXa
O certame reparte nove premios e permite presentar ata dúas historias de 200 palabras como máximo ata o 28 de febreiro
A CORUÑA microrelatos rag
30 Jan 2026

Dicír moito con moi poucas palabras é o reto do IX Concurso de microrrelatos que convocan a Real Academia Galega (RAG) e PuntoGal, unha iniciativa que se abrirá ao público durante o mes de febreiro e que busca impulsar a creatividade literaria en galego entre persoas de todas as idades.

Cada participante poderá enviar ata dous textos, cunha extensión máxima de 200 palabras, na categoría que lle corresponda: infantil (ata 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e adultos (a partir de 18). O prazo para presentar os relatos estará aberto ata o 28 de febreiro a través do formulario habilitado online.

A nova edición foi presentada na Fundación Luis Seoane pola arquiveira bibliotecaria da RAG María Dolores Sánchez Palomino, o presidente de PuntoGal Manuel González González e a editora de Luzes Ana Cermeño. Segundo a organización, desde a posta en marcha do concurso en 2018 xa participaron máis de 7.000 persoas e foron premiados 68 textos. Os relatos gañadores poden consultarse nas edicións dixitais e Luzes publica cada ano en papel unha selección na que tamén aparecen os finalistas.

O concurso contará con dous xurados: un para a categoría adulta e outro para infantil e xuvenil, con representantes da RAG, de PuntoGal e de Luzes. Ademais, PuntoGal acompaña esta edición cunha promoción especial polo aniversario que permite contratar un dominio .gal por dous anos por menos de 15 euros (máis IVE), a través de distintos rexistradores adheridos.

⚙ Configurar cookies
0.086945056915283