A Real Academia Galega e a cidade da Coruña homenaxean a Luis Seoane polo Día da Poesía

A cidade da Coruña rendeu unha homenaxe a Luis Seoane na fundación que leva o seu nome, nun acto organizado pola Real Academia Galega (RAG) en colaboración co Concello da Coruña. A cita, que se enmarca no Día da Poesía, contou coa participación de destacadas voces da literatura galega e da investigación académica.
A profesora de literatura galega da Universitat de Barcelona e académica correspondente, Helena González, presentou a plaquette Luis Seoane. Unha ollada interartística desde o exilio e o compromiso, na que afonda na obra do autor e artista galego. "Seoane non escribiu o noso presente, pero soubo captar as fendas do tempo detido das migracións. Inaugura un arquivo de corpos desprazados, ateigados de vidas, onde o poema cumpre unha función intensificadora que rompe as inercias da lectura", destaca González nesta publicación.
A sesión foi inaugurada pola académica María López-Sández e polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. "A nosa idea é achegarnos a unha figura importante da poesía galega que tivo que vivir a emigración como resultado do conflito. Isto fai que a súa poesía teña unha dimensión social que conecta coa nosa memoria histórica e co que foi o exilio tras a guerra civil", explicou López-Sández. Tamén se puxo de manifesto a dimensión interartística da súa obra, unha característica que comparte con figuras como William Blake ou Castelao.
Na homenaxe participaron poetas como Carlos Negro, Alba Cid, Oriana Méndez, Baldo Ramos, María do Cebreiro e o académico Anxo Angueira, que escolleron poemas ou obras plásticas de Seoane para establecer un diálogo persoal co autor. O resultado destas reflexións recóllese no libro que se obsequiou ao público e que está dispoñible en versión dixital en academia.gal.
Un dos aspectos destacados no acto foi a perspectiva de xénero na obra de Seoane, en especial a súa ollada sobre as migracións e a representación das mulleres migrantes. O xornalista e escritor Xesús Fraga abordou esta temática a través da historia de Dolores, a ourensá que inspirou o lenzo Emigrante (1967), unha obra que denuncia a deshumanización das persoas migrantes. Helena González engadiu que "esa migrante, paria de nación, clase e xénero, encarna a violencia interseccional da experiencia migratoria".
A dimensión pictórica de Seoane foi analizada por Baldo Ramos, quen escolleu Abstracción II (1959) para afondar no seu legado artístico. Ramos sostén que "como pintor non chegou a desenvolver as sùas potencialidades ata as últimas consecuencias" debido ao seu compromiso radical con Galicia, que antepuxo a calquera expectativa persoal.
O evento contou coa intervención do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, quen destacou a importancia de preservar e reivindicar o legado de Luis Seoane. "A Coruña é unha cidade agradecida cos seus artistas e creadores, e desde o Goberno de Inés Rey traballamos día a día para manter viva a súa memoria", afirmou Castro.
A parte musical correu a cargo de Tino Baz, que interpretou un tema dedicado a Seoane e dúuas cancións baseadas en poemas do académico Bernardino Graña, falecido o pasado mes de xaneiro.
A homenaxe a Luis Seoane quixo ser, ademais, un xesto de agradecemento á Fundación Seoane, que está a acoller actividades da RAG mentres se realizan as obras de rehabilitación da súa sede. "Para Seoane, a cultura era un dos alicerces básicos sobre os que renovar o edificio dunha Galicia nova", subliñou Freixanes. "A Galicia de América é impensable sen o seu traballo, e na Galicia interior, iniciativas como o Laboratorio de Formas de Sargadelos teñen unha débeda impagable con el".
O evento estivo aberto ao público e puido seguirse en directo a través de academia.gal, reafirmando o interese pola figura de Luis Seoane e o seu impacto na cultura galega a ambas as beiras do Atlántico.