A RAG habilita a sección 'Palabras de Luísa Villalta' no marco do 8M

ACoruñaXa
A Real Academia Galega detense en 'Papagaio', o poemario que escribiu para as fotos de Maribel Longueira sobre o derrubamento do barrio da prostitución da súa Cidade Alta
Fotografía de arquivo da escritora Luísa Villalta
6 Mar 2024

O día 6 de marzo de 2004 a escritora Luísa Villalta finaba na súa casa da Coruña por mor dunha meninxite. Cadrando co vixésimo cabodano da autora á que lle dedica o Día das Letras Galegas 2024 e a proximidade do 8 de marzo, a Real Academia Galega detense en 'Papagaio', o poemario que escribiu para as fotos de Maribel Longueira sobre o derrubamento do barrio da prostitución da súa Cidade Alta. Neste volume, publicado postumamente, Villalta amosa o seu perfil máis comprometido e feminista, nun momento de madureza creativa.

A esta obra, saída do prelo no ano 2006, pertencen os versos cos que a institución abre nas redes sociais e na súa web o espazo 'Palabras de Luísa Villalta', un mosaico que porá o foco, a través das distintas pezas que o irán completando ata o mes de maio, en fragmentos da súa obra con diversas palabras como guía. A institución estrea ademais hoxe un novo episodio da serie O Seminario de Onomástica responde no que o filólogo da RAG Iván Méndez, estudoso da toponimia coruñesa, expón as distintas hipóteses sobre a orixe e o significado do nome do Papagaio para designar a que foi a zona de prostitución da cidade.

A primeira voz elixida para a sección 'Palabras de Luísa Villalta' é amizade, que abre un poema no que Luísa Villalta retrata o apoio mutuo que se brindaban as prostitutas do barrio do Papagaio. Entre as figura tamén xa nome. Este vocábulo na súa forma plural titula uns coñecidos versos da autora sobre a toponimia coruñesa incluídos en En concreto (2004), pero desta volta é tirado dunha das composicións da segunda parte de Papagaio, na que a escritora lles dá a voz ás prostitutas para reflectir como se senten e a explotación que sofren.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15896701812744