A RAG entrega os premios do 'IV Certame de relato breve A Erbeda'

ACoruñaXa
O concurso literario premiou a unha nena de Ordes e mais unha adolescente e un veciño da Coruña
RAG - VI Certame de relato breve A Erbeda
6 Feb 2024

A Real Academia Galega entregarou esta mañá de martes os premios do 'IV Certame de relato breve A Erbeda'. Os galardóns das categorías de persoas adultas e xuvenil recaeron en dous veciños da Coruña, David Otero Rego, de Santa Xema; e Alba Cedillo Vázquez, do Campo da Leña e alumna do IES Menéndez Pidal. O infantil recaeu por terceiro ano consecutivo en Sabela García Santos, alumna do CEIP Alfonso Rodríguez Castelao de Ordes.

O nome do Certame de relato breve' A Erbeda' recupera o topónimo literario que Emilia Pardo Bazán lle deu ao barrio coruñés de Palavea, e con el réndeselle tamén homenaxe a unha autora que dominou con mestría a arte do conto. A iniciativa xurdiu nunha entidade de Palavea na que a RAG colabora xunto ao Concello da Coruña e as librarías Xiada, Moito Conto e Formatos.

O premio da categoría de persoas adultas recaeu en David Otero Rego, oficinista de profesión, que foi premiado polo relato titulado 'Nasa'. Unha trepidante historia en forma de diálogo que convida a reflexionar, dende unha perspectiva desmitificadora do cine, sobre os motivos que levan unha persoa común a involucrarse no tráfico de drogas.

Alba Cedillo Vázquez, de 14 anos de idade, fíxose co galardón para persoas entre os 12 e os 17 anos con 'A travesía da princesa perdida', unha historia sobre a superación das adversidades e a recuperación das ganas de vivir. E, Sabela García Santos gañou o premio da modalidade infantil con 'A nosa terra', un conto que narra a viaxe de descuberta de Galicia a través dos ollos dunha cativa de cuarto de primaria.

Na entrega dos galardóns tamén participaron, canda o presidente da RAG , Víctor Freixanes e da Asociación Veciñal Os Nosos Lares, a secretaria da mesma, Ana Santomé, e José Manuel Pampín, membro do xurado.

0.16784501075745