A RAG e PuntoGal anuncian o VII Concurso de microrrelatos

ACoruñaXa
O concurso premiará a nove historias, tres por cada unha das categorías: infantil, xuvenil e persoas adultas
RAG-presentacion-concurso-microrrelaros
24 Xan 2024

A Real Academia Galega e PuntoGal presentaron esta mañá na Fundación Luis Seoane a sétima edición do concurso de microrrelatos que ambas entidades organizan cada ano. O concurso premiará nove historias dun máximo de 200 palabras, tres por cada unha das categorías: infantil (ata 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e persoas adultas.

O prazo de participación permanecerá aberto do 1 ao 29 de febreiro e os relatos deberán presentarse a través da web relatos.gal, onde poden consultarse xa as bases e demais detalles da convocatoria.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e Lois Alcayde, coordinador da revista Luzes, presentaron a nova edición, que como cada ano repartirá premios tecnolóxicos e relacionados coa lectura. O deseño do cartel da sétima edición do concurso foi encargado á debuxante e tatuadora Greta Debelius.

O xurado de relatos de persoas adultas estará formado por Víctor F. Freixanes, canda o presidente de PuntoGal; o académico Manuel González, a académica Olga Castro; Darío Janeiro e a escritora Antía Yáñez. Doutra banda, os contos das modalidades infantil e xuvenil serán lidos polo dramaturgo e académico Euloxio R. Ruibal; a académica Montse Pena Presas, profesora de Didáctica da literatura da USC; Concha Losada, presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego e membro da directiva de PuntoGal; Cristina Ríos, membro do equipo técnico de PuntoGal; e Lois Alcayde Dans.

Parte dos galardóns inclúen ademais un dominio .gal durante un ano e todas as persoas premiadas verán publicadas as súas historias na Rede, así como editadas na versión impresa de Luzes xunto ás finalistas.

 

 

0.19306111335754