A RAG dedica unha web ao coruñés Marcial de Adalid, pioneiro en incorporar o galego na música
A Real Academia Galega ven de publicar unha páxina web dedicada o pianista e compositor Marcial del Adalid, pioneiro na incorporación á música académica da lingua galega e dos sons inspirados nas melodías populares do país, é un dos creadores máis relevantes da escena galega e española do seu tempo.
O coruñés é autor de preto de 300 títulos coñecidos, a práctica totalidade das súas composicións, tanto en manuscritos coma en obra impresa, consérvase na Real Academia Galega, que custodia dende 1928 un conxunto bibliográfico e arquivístico do músico que fan dela a institución de referencia para os estudos sobre a súa vida e obra.
Tras completar a dixitalización destes recursos, a entidade dá un paso máis para facilitar o acceso a este rico fondo coa posta en marcha de marcialdeladalid.academia.gal, unha web na que tamén se pon á disposición dos usuarios outros contidos relacionados co autor que seguirán medrando proximamente.
A web inclúe, por unha banda, o catálogo da produción musical de Marcial del Adalid e partituras da súa autoría en versión dixital, unha oferta que abranguerá proximamente a totalidade dos manuscritos e das edicións impresas conservadas no arquivo e na biblioteca da institución.
Noutra sección é posible consultar o catálogo da biblioteca musical familiar, unha pequena xoia da bibliografía musical europea con moreas de primeiras edicións e exemplares raros, en ocasiones únicos, de grandes creadores do s. XIX. Ambos os catálogos naceron como parte fundamental do proxecto de investigación da tese de doutoramento que a musicóloga Laura Touriñán Morandeira lle dedicou ao músico coruñés, defendida na Universidade de Santiago de Compostela no ano 2020.
A RAG recibiu a biblioteca musical e o arquivo de Marcial del Adalid o 12 de decembro de 1928 por doazón de María del Adalid, a única filla que tivera coa súa dona, a escritora e académica correspondente Fanny Garrido (1842-1917), colaboradora literaria nalgunhas das súas obras máis senlleiras, como os seus cantares galegos.