A RAG celebrará en novembro o Simposio sobre a autora Luísa Villalta
A Real Academia Galega celebrará do 19 ao 21 de novembro o Simposio Luísa Villalta, un encontro no que preto dunha vintena de especialistas afondarán na vida e na obra da autora á que a institución lle dedica este ano as Letras Galegas. Con esta cita a RAG continuará en outono a súa programación sobre a escritora, nada tal día coma hoxe, o 15 de xullo de 1957, na cidade da Coruña, onde morreu prematuramente en 2004 aos 46 anos de idade. Todas as sesións, abertas ao público, desenvolveranse en horario de tarde.
Baixo o título Mil son eu tan só, tan soa, o simposio, coordinado polas académicas Margarita Ledo Andión e Ana Romaní, arrincará o martes 19 de novembro con dous relatorios da poeta e Eva Veiga e do músico Paulino Pereira. A primeira xornada continuará cunha mesa redonda coa crítica literaria e profesora da USC María Xesús Nogueira, o académico correspondente e profesor honorario da UDC Luciano Rodríguez e a escritora e profesora da UVigo Rexina R. Vega. O crítico literario e investigador do Centro Ramón Piñeiro Armando Requeixo será o encargado de moderala.
O mércores 20 de novembro a filóloga e ensaísta Inmaculada Otero Varela afondará na narrativa de Luísa Villalta e o escritor e crítico literario Henrique Rabuñal, na súa obra dramática. Deseguido a académica Chus Pato, Estíbaliz Espinosa e Tamara Andrés, tres poetas de diferentes xeracións, comporán unha mesa redonda, moderada pola académica correspondente Mercedes Queixas, na que reflexionarán sobre o feito de ler a Villalta.
O poeta Xosé Mª Álvarez Cáccamo e a profesora honoraria da UDC Pilar García Negro ofrecerán o xoves 21 senllos relatorios sobre a lírica e o ensaio da homenaxeada. A tarde continuará cunha mesa redonda sobre a cidade da Coruña na obra de Luísa Villalta protagonizada por Teresa Seara, Xurxo Souto e Miguel Anxo Fernán Vello, e con Cesáreo Sánchez Iglesias como moderador.
O programa contempla ademais a inauguración da exposición fotográfica “O Papagaio”, con imaxes de Maribel Longueira, coautora do volume no que os versos de Villalta dialogan coas súas fotos sobre o derrubamento do barrio da prostitución da Coruña; e as actuacións de Uxía e Indóciles, a proposta multidisciplinar de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut arredor da vida e da literatura da protagonista destas Letras Galegas.