A RAG celebra o Día da Poesía cun homenaxe a Celso Emilio Ferreiro
A Real Academia Galega celebrou este martes pola tarde un acto público de homenaxe ao autor de 'Longa noite de pedra', o poeta Celso Emilio Ferreiro a través dun recital da súa poesía lida por dez autores galegos.
A Sección de Literatura da institución decidiu renderlle homenaxe a Celso Emilio nun momento diferente ao da vivencia da ditadura que inspirou o poemario editado en 1962 pero así mesmo un “tempo convulso, marcado por dilemas éticos, bioéticos e conflitos bélicos que tamén convoca as novas voces poéticas”, xustificou María López-Sández. “O compromiso de partida que implica a propia escolla da lingua para a creación insire xa un xermolo de protesta”, destacou a condutora literaria do serán.
A académica abriu o acto canda a directora da Sección de Literatura. “Os discursos que pretenden silenciar as voces críticas, borralas do espazo público, existían en 1973 e, infortunadamente, non desapareceron máis de medio século despois”, advertiu Marilar Aleixandre. “Celso Emilio nunca calou, e nós non calamos”, sentenciou.
A loanza do protagonista das Letras Galegas de 1989 correu a cargo de Xesús Alonso Montero, quen sinalou que “o poeta social con maiúscula” foi igualmente “un poeta intimista”. “Aló no fondo, o que nos transmite é a ferida que causa na súa intimidade, na cerna do seu espírito, a ferida allea como ferida histórica”, analizou o expresidente da RAG.
Alonso Montero subliñou nesta liña que, canda o carácter político de Longa noite de pedra, as súas páxinas conteñen tamén substancia poética. “Estes textos son altamente poéticos porque neles a espada é, ao mesmo tempo, canción”, engadiu sobre un libro “que foi un acontecemento auroral na poesía en idioma galego e un referente, moi poucos anos despois, para moitos letraferidos de España”. “Sigo a pensar que non houbo na poesía castelá desas datas, fose quen fose o autor, libro como Longa noite de pedra; tampouco o foron dous grandes libros periféricos, nin La pell de brau, de Salvador Espriu (1960) nin Harri eta Herri (Pedra e Pobo) de Gabriel Aresti (1963)”, comparou o académico.
Un diálogo recollido nunha ‘plaquette’ conmemorativa
Tras a intervención de Xesús Alonso Montero, foron Anxo Angueira, Rosalía Fernández Rial, Ana Romaní, Chus Pato, Ismael Ramos, Alfonso Pexegueiro, Rafa Vilar e Marilar Aleixandre quen protagonizaron o recitado da proposta titulada 'Poesía e sociedade de onte a hoxe'. 'Dialogando con Celso Emilio Ferreiro'. Todas as súas contribucións e mais a de Oriana Méndez -que non puido asistir finalmente- recóllense na plaquette conmemorativa, dispoñible en versión dixital na sección de publicacións da RAG. O volume saíu do prelo co apoio económico do Concello da Coruña, que colaborou tamén na organización do acto celebrado na Fundación Luis Seoane.
Anxo Angueira abriu o recital facendo conversar o seu poema dedicado aos traballadores do metal de Vigo co “Monólogo do vello traballador”. Con esta composición Celso Emilio incorporou a entrada no imaxinario galego do mundo obreiro, “moi ben cifrada no verso Lingua proletaria do meu pobo”, observou o académico electo. Rosalía Fernández Rial elixiu “Hirmaus”. De nena coreaba este poema na versión de Fuxan os Ventos, e para esta ocasión púxoo en relación con “A reflexión”, composición propia tecida arredor da sororidade.
As voces silenciadas das mulleres tamén ecoaron en páxinas como a que Celso Emilio lle dedicou a María Soliña, a escollida pola académica Ana Romaní para relacionala con outra propia, incluída n’A desvértebra, cun suxeito colectivo feminino. A académica Chus Pato uniu polo fío do elemento natural e animal “Índices estatísticos pra un plan de desenrolo”, de Viaxe ao país dos ananos (1968), con versos do seu último poemario, Sonora, que escriben tamén tempos de miseria e alenta o discurso ecocrítico; Ismael Ramos fixo dialogar “Os ratos” cunha das composicións de Lixeiro -volume gañador do Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2022-; Alfonso Pexegueiro conversou co poema “Longa noite de pedra”; e Rafa Villar con “As raigames”, un exemplo da poesía de alento intimista e existencialista na que Celso Emilio “mestura identidade individual e colectiva” e na que “hai dor mais tamén esperanza”. Marilar Aleixandre pechou o entrecruzamento poético falando daquelas voces silenciadas e da loita contra o silencio, reunindo “Nota necrolóxica” coas súas “Fillas do centauro”, título referido á resistencia clandestina durante a ditadura.