A RAG celebra hoxe o pleno extraordinario das Letras Galegas de Luísa Villalta no Teatro Rosalía da Coruña
A Real Academia Galega celebrará este venres 17 de maio o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas de Luísa Villalta (1957-2004) na Coruña, a “Cidade Alta” onde naceu e viviu, espazo literario constante na súa obra. A sesión pública, de entrada libre ata completar a capacidade do recinto, terá lugar a partir das 12.30 horas no Teatro Rosalía e emitirase en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.
Este ano, as alocucións sobre a homenaxeada serán pronunciadas polas académicas Ana Romaní e Margarita Ledo, e o académico Euloxio R. Ruibal. A parte musical correrá a cargo da violinista da Real Filharmonía de Galicia Kiyoko Ohashi e da cantante e poeta coruñesa Estíbaliz Espinosa. O acto concluirá cunhas palabras do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e a interpretación do himno galego.
Euloxio R. Ruibal, Ana Romaní e Margarita Ledo afondarán en distintos aspectos da vida e da obra da autora á que á RAG lle dedica este ano o 17 de maio cadrando co vixésimo aniversario do seu prematuro pasamento, aos 46 anos de idade, por mor dunha meninxite.
A institución celebra o seu pleno extraordinario en homenaxe a Luísa Villalta, coa colaboración do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.