'A provincia que sabe' da Deputación despide Expovacaciones cun gran éxito de participición
A área de turismo da Deputación, liderada polo vicepresidente e deputado Xosé Regueira, despediuse de Expovacaciones: unha feira que se celebrou en Bilbao onde a entidade provincial promocionou a súa campaña turística e gastronómica 'A provincia que sabe', cunha programación formada por showcookings, degustacións e presentacións que encheron o stand durante os 3 días de feira.
Coa participación en citas como Expovacaciones, apunta Regueira, “queremos vender territorio, convencer aos visitantes a través do sabor e identificar produto e restauración coa nosa provincia”. Neste caso, “optamos por unha programación moi variada, con produtos de moita calidade como o marisco de Barallobre, para invitar ao público a que veñan probalos á nosa terra”.
Degustando Ferrolterra
Ferrol e a Costa Ártabra protagonizaron boa parte das actividades, da man de Mariscos de Barallobre e o restaurante Muelle 43, que ofreceron degustacións de navallas, vieiras e zamburiñas, e tamén de pratos tradicionais como o polbo á mugardesa ou a caldeirada de merluza de Cedeira. “Nesta ocasión apostamos por este territorio tan diverso e único, e contamos con produtos que son difíciles de atopar no noso stand, como o marisco, tan identificativos desta zona da provincia”, sinalou o vicepresidente.
Diversidade de saberes e sabores
Estas actividades complementáronse con outras, todas repletas de público, como os almorzos artesáns con Oleolatte de Café Aruba, da Coruña, pan de Carballo e queixo mouro de Campo Capela, da Capela, ou a presentación do queixo Galmesán, premio Super Ouro nos World Cheese Awards 2023. Outro dos produtores que protagonizou grandes colas foi Bonilla a la Vista, que repartiu as súas patacas recoñecidas internacionalmente.
“A gastronomía é un moi bo elemento para facer promoción do territorio”, engadía Regueira. “O excelente pan de Carballo; o queixo parmesano que se fai en Arzúa, Galmesán; o extraordinario café de Café Aruba que probamos doutros xeitos e que son boa mostra da innovación do noso sector agroalimentario... Estar aquí é unha marabilla para os sentidos, e podemos ver como a xente está desexosa de coñecer os sabores do noso territorio”.
Mariscos de Barallobre; Muelle 43 de Mugardos; Café Aruba; Queixo Galmesán e Bonilla a la Vista foron os produtores e restaurantes que acompañaron, nesta ocasión, á area de turismo da Deputación a esta feira, levando a Bilbao a cultura, identidade e tradición da provincia da Coruña, “que é unha marca turística en sí mesma”.