'A Provincia que Sabe' da Deputación despide con éxito os tres días do Gastronomic Fórum Barcelona

ACoruñaXa
A entidade organizou máis de 20 actividades para promover os produtos e a restauración da provincia, destacando o éxito e as novas oportunidades comerciais
Deputación Coruña no Fórum Gastronómico de Barcelona
6 Nov 2024

A área de Turismo da Deputación da Coruña pechou a súa participación no Gastronomic Fórum Barcelona tras tres días de intensa promoción da gastronomía local coa campaña “A provincia que sabe”. Durante o evento, que incluíu degustacións, presentacións e showcookings, a entidade apostou por dar visibilidade aos pequenos produtores da provincia e fomentar novas oportunidades de negocio.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou a importancia de apoiar os produtores locais e as empresas de restauración que participaron no evento, subliñando o papel que desempeñan na economía e na vida rural. “A nosa presenza nesta feira encaixa coa estratexia de impulsar a produción local e abrirlles novos mercados”, indicou Regueira, que valorou positivamente o interese suscitado entre os asistentes.

No peche da feira, o chef Víctor Basante e a copropietaria do restaurante Arrueiro, Luisa García Casal, ofreceron un showcooking con produtos de temporada procedentes de Laxe, mostrando a esencia do seu proxecto que combina aloxamento, experiencias e gastronomía. Os asistentes puideron coñecer de preto a filosofía de Arrueiro, que promove unha cociña sostible e de proximidade, enfocada no aproveitamento de especies de menor valor comercial.

Produtores locais como Costumes Empanadas de Galicia, Queixo Galmesán, Bonilla a la Vista e Mariscos de Barallobre, entre outros, agradeceron a oportunidade de participar no foro e destacaron o valor de establecer contactos comerciais relevantes. Regueira salientou que a participación no Gastronomic Fórum superou as expectativas, con éxito tanto en público como en novas oportunidades para os produtores.

0.20049905776978