A provincia da Coruña promocionouse esta fin de semana en Expovacaciones

ACoruñaXa
A entidade provincial participou nesta feira que tivo lugar en Bilbao do 9 ao 11 de maio promocionando o turismo gastronómico da provincia
expositor-coruña-expovacaciones
12 May 2025

Bilbao acolleu, unha vez máis, a visita da provincia da Coruña, coa participación da Deputación en Expovacaciones os días 9, 10 e 11 de maio. Unha participación que tivo “moi boa acollida” ante o público bilbaíno, tal e como sinalou o vicepresidente, Xosé Regueira. “O noso stand estivo repleto de xente en todas e cada unha das actividades que desenvolvemos da man dos produtores e cociñeiros, sendo sen dúbida o que máis afluencia tivo de toda a feira”. “E isto débese”, engadiu, “ao seu bo traballo e facer”.

Co obxectivo de promocionar o turismo gastronómico da provincia, a entidade provincial organizou un programa completo e continuo con showcookings a cargo do chef Álvaro Victoriano, do Grupo Peculiar da Coruña, e presentacións e degustacións dos produtos de Orixes Galegas, Bonilla a la Vista, Mariscos de Barallobre e Empanadas Ternura.

“É un auténtico orgullo ver como o noso sector agroalimentario despunta neste tipo de eventos grazas á excelente calidade dos nosos produtos e tamén ao bo facer dos nosos chefs. Esa é, precisamente, a nosa mellor marca turística”, apuntou Regueira. “Foron tres días completos de promocionar territorio a través da gastronomía, pero tamén de poñer en valor o noso patrimonio, as nosas paisaxes e, por suposto, a nosa xente”.

E é que, ademais, a Deputación presentou, a través da súa campaña “A paisaxe que sabe”, algúns dos enclaves máis destacados da provincia que combinan interese turístico, paisaxístico e gastronómico, como a Vila de Muros, a Vila Mariñeira de Sada, o Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira Estaleiro de Ciprián en Outes, o Castro de Baroña e a Praia das Furnas en Porto do Son, o Dolmen de Axeitos en Ribeira, o Pazo de Goiáns en Boiro, a Vila de Rianxo e o Miradoiro da Curota na Pobra do Caramiñal.

⚙ Configurar cookies
0.15247297286987