A provincia da Coruña ofrecerá a 10.000 mozos e mozas o Bono Cultural Xove 2025

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presentou na Casa do Mapa a nova edición do Bono Cultural Xove 2025, unha iniciativa estatal destinada a facilitar o acceso da mocidade á cultura e, ao mesmo tempo, apoiar ao sector cultural e ao comercio de proximidade.
“Este bono é unha ferramenta que contribúe á igualdade de oportunidades e ao fortalecemento da nosa identidade cultural como país. Apostamos pola mocidade e pola cultura como piares dunha sociedade máis xusta e cohesionada”, destacou Rivas durante o acto.
Este ano, na provincia da Coruña poderán beneficiarse arredor de 10.000 mozas e mozos nacidos en 2007, que recibirán 400 euros para gastar en produtos e actividades culturais, como cine, teatro, libros, música, videoxogos ou contidos dixitais. A nivel estatal, o bono chegará a máis de 534.000 persoas.
O programa está regulado por un Real Decreto aprobado polo Consello de Ministros en marzo de 2023, impulsado polo Ministerio de Cultura, e conta cun orzamento de 170 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado prorrogados. Consolidado como unha das políticas culturais máis ambiciosas dos últimos anos, desde a súa posta en marcha xa beneficiou a máis de 900.000 mozos e mozas en todo o Estado.
Na provincia da Coruña, máis de 100 establecementos culturais están adheridos ao programa —desde librarías e tendas de discos ata salas de teatro, cinemas ou plataformas dixitais—, contribuíndo a revitalizar o comercio local. En todo o país son 3.700 os puntos adheridos.
“Para a mocidade é unha oportunidade única para coñecer e gozar da cultura dun xeito máis libre, sen barreiras económicas, e así formar parte activa da vida cultural do país”, sinalou a subdelegada.
Como solicitar o bono
O Bono Cultural Xove pode solicitarse ata o 31 de outubro de 2025 a través da web oficial www.bonoculturajoven.gob.es, empregando o DNI electrónico ou o sistema Cl\@ve PIN. Unha vez concedido, poderá utilizarse durante 12 meses, con este reparto:
- 200 euros para artes en vivo: teatro, cine, danza, museos, concertos…
- 100 euros para produtos culturais en soporte físico: libros, discos, prensa...
- 100 euros para contidos dixitais: plataformas, prensa online, podcast, videoxogos en liña…
Ademais, tamén poderán beneficiarse este ano os usuarios da edición de 2024, que aínda teñen tempo para canxear o seu bono. Entre as actividades incluídas atópanse eventos como o Morriña Fest, que se celebrará os días 25 e 26 de xullo no Porto da Coruña.