A Provincia da Coruña contará este ano con 38 praias con bandeira azul

ACoruñaXa
Galicia terá este ano 114 praias con bandeira azul e será a terceira Comunidade Autónoma con máis galardóns
Imaxe da praia de Barrañán en Arteixo
7 Maio 2024

Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.

Desde xeito, Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).

Dos 114 areais galegos galardoados nesta edición (que se estenden ao longo de 53,5 km de costa e supoñen 1 máis que en 2023), cómpre subliñar que ningún recibe este distintivo por primeira vez pero cinco deles recuperan a bandeira que non luciron o ano pasado. Son, concretamente, Lombiña-Cabío, na Pobra do Caramiñal, Area Maior, en Malpica de Bergantiños, A Ribeira, en Miño, Ladeira, en Baiona, e Xiorto, en Poio.

Así mesmo, Adeac tamén deu a coñecer esta mañá a relación de portos deportivos nos que ondeará a bandeira azul. Das 102 instalacións recoñecidas no conxunto do país, 11 están en Galicia, unha menos que na pasada edición, xa que o Club Náutico Boiro-Marina Cabo de Cruz non presentou candidatura este ano por estar en obras.

De igual xeito e aínda que neste caso non lucirán bandeira como tal, Adeac recoñeceu un ano máis o labor dos chamados centros azuis, categoría na que se engloban aulas de natureza, centros de recepción de visitantes e instalacións similares dedicadas á educación ambiental. Dos 87 galardoados en todo o país, 15 están en Galicia, destacando en especial a incorporación do Estaleiro de Purro, en Bueu, e do Centro de interpretación ambiental Foz do Miñor, en Baiona, que se estrean este ano como centros azuis.

Cómpre subliñar que os criterios esixidos por Adeac para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas (que ten que ser excelente); a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.

Clasificación por provincias galegas

Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 60 que recaen noutras tantas praias e outras 6 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 38 areais e 4 portos e no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 16 praias e 1 porto deportivo.

Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que logrou en 2023. O concello pontevedrés suma tamén 3 distincións para outros tantos portos e terá de novo 1 centro azul. Ademais, cómpre subliñar o caso de Vigo, que con 12 praias con bandeira é a cidade galega que recibe máis galardóns.

Así mesmo, no caso da provincia da Coruña, Arteixo volve ser o que concentra un maior número de bandeiras, con 7 areais seleccionados; seguido da Coruña (5 areais e 1 porto), Oleiros (5 praias e 2 centros azuis) e Ferrol (con 5 areais tamén).

Por último, Foz é o concello lucense con máis praias galardoadas, un total de 5; seguido de Burela, con 2 praias e 2 centros azuis; Barreiros e O Vicedo, que suman 2 areais cada un deles, e Ribadeo, tamén con 2 praias e que un ano máis conta cun porto galardoado.

Galicia líder en sendeiros azuis

Por último e con relación aos chamados sendeiros azuis, cómpre precisar que, por terceiro ano consecutivo, Adeac convocou estes distintivos no marco dun programa independente ao de bandeira azul co que se busca poñer en valor o papel das sendas como un recurso valioso para gozar da natureza e aprender a interpretar a contorna.

O acto oficial de recoñecemento aos 128 itinerarios galardoados en 2024 no conxunto do país tivo lugar a mediados de marzo e nel se confirmou que Galicia segue sendo a comunidade con máis sendeiros azuis (49 este ano, 14 máis que na edición anterior).

En total e sumando praias, portos, centros de visitantes e sendeiros distinguidos este ano por Adeac, Galicia atesoura 189 insignias azuis, balance co que mellora a súa posición a nivel nacional ao superar por primeira vez a Andalucía (con 188) e situarse como a segunda comunidade española con máis distintivos azuis en todas as categorías.

Listaxe de praias e portos con bandeiras azuis por provincias:

PRAIAS CON BANDEIRA AZUL 2024
PROVINCIA DA CORUÑA

15 concellos / 38 areais

A Coruña As Lapas
Orzán-Matadero
Oza
Riazor
San Amaro
A Laracha Caión
A Pobra do Caramiñal Lombiña-Cabío
Arteixo A Hucha
A Salsa (Repibelo)
Barrañán
Combouzas
Porto de Suevos
Sabón
Valcovo
As Pontes de García Rodríguez Lago das Pontes
Bergondo Gandarío
Camariñas Arou
Carballo Pedra do Sal
Razo
Saíñas
Dumbría O Ézaro
Ferrol A Fragata-O Pareixal
Caranza
Doniños
Esmelle
San Xurxo
Laxe Laxe
Malpica de Bergantiños Area Maior
Miño A Ribeira
Perbes-Andahío
Oleiros Bastiagueiro
Espiñeiro
Mera
Naval
Santa Cristina
Ponteceso A Ermida
Balarés
O Osmo
PROVINCIA DE LUGO

8 concellos / 16 areais

Barreiros Coto
Fontela Valea
Burela A Marosa
O Portelo
Cervo O Torno
Foz A Rapadoira
Areoura
As Polas
Llas
Peizás
O Vicedo Abrela
Xilloi
Ribadeo As Catedrais
Os Castros-Illas
Viveiro Area
Xove Esteiro
PROVINCIA DE PONTEVEDRA

12 concellos / 60 areais

A Guarda Area Grande
O Muíño
A Illa de Arousa Area da Secada
Bao (Camaxe)
Baiona Barbeira
Concheira
Frades
Ladeira
Ribeira
Santa Marta
Bueu Area de Bon
Banda do Río
Lagos
Lapamán
Portomaior
Cangas Areabrava
Areamilla
Liméns
Menduíña
Nerga
Rodeira
Marín Aguete
Mogor
Portocelo
Santo do Mar-A Coviña
Moaña O Con
Poio Cabeceira
Xiorto
Ponte Caldelas A Calzada (praia fluvial)
Sanxenxo A Lapa
Agra
Areas
Areas Gordas
Baltar
Bascuas
Canelas
Caneliñas
Foxos
Major
Montalvo
Nosa Señora da Lanzada
O Espiñeiro
Panadeira
Paxariñas
Pragueira
Silgar
Vigo Argazada
A Fontaíña
A Punta
Canido
Carril
Fortiñón
O Adro
O Vao
Rodas (Illas Cíes)
Samil
Santa Baia
Tombo do Gato
Vilagarcía de Arousa Campanario
Compostela

 

PORTOS CON BANDEIRA AZUL 2024
A Coruña A Coruña Real Club Náutico A Coruña-Marina Real
Sada Club Náutico Sada
Porto Deportivo Sadamar
Porto do Son Real Club Náutico de Portosín
Lugo Ribadeo Porto Deportivo de Ribadeo
Pontevedra Baiona Monte Real Club de Iates de Baiona
Cangas Porto Deportivo Cangas (Real Club Náutico Rodeira)
O Grove Porto Deportivo Pedras Negras
Sanxenxo Real Club Náutico Sanxenxo
Club Náutico Portonovo
Porto Deportivo Juan Carlos I

 

CENTROS AZUIS 2024
A Coruña A Laracha Centro de interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte Golmar
Camariñas Centro de visitantes do Faro de Cabo Vilán
Museo Man de Camelle
Oleiros Aula do Mar do centro de interpretación do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes
CEIDA: Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Lugo Burela Centro de Educación Medioambiental Gaia
Barco Museo Reina del Carmen
Pontevedra A Illa de Arousa Centro de interpretación da Conserva
Baiona Centro de interpretación ambiental Foz do Miñor *
Bueu Aula de Natureza Cabo Udra
Centro de interpretación do litoral de Agrelo
Estaleiro de Purro *
Marín Centro de interpretación dos petróglifos de Mogor
Poio Casa Museo de Colón
Sanxenxo Centro de interpretación As Telleiras
0.20287609100342