A Provincia da Coruña conta con 162 centros escolares con clubs de lectura
Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación, desenvolven clubs de lectura nas súas bibliotecas durante este curso escolar grazas ao apoio da Xunta, que destina un total de 400.000 euros a este programa. Nese sentido, a Provincia da Coruña conta con 162 centros escolares con clubs de lectura repartidos polos seus municipios.
O obxectivo da iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, enmarcada no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021-2025, é fomentar e consolidar os hábitos lectores e as competencias básicas do alumnado (comunicación lingüística, competencia social, cultural, artística...).
Por provincias, 162 dos centros integrados no programa son da Coruña (24 de nova incorporación este curso). Entre eles atópanse o CEE Nosa Señora do Rosario, o CEIP Plurilingüe María Barbeito e Cervino, o CEIP Rosalía de Castro, o CIFP Paseo das Pontes, o IES Fernando Wirtz Suárez, o IES As Mariñas de Betanzos, o CPI Armando Cotarelo Valledor, o CEIP Santa Baia, o IES A Cachada, o CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto, o CEIP Plurilingüe de Ponte do Porto, o CEIP Bergantiños, o CEIP Plurilingüe A Cristina, o IES de Fene, o CEIP de Pazos-Mestre García Niebla, o CEIP Plurilingüe Ricardo Tobío, o IES, Ramón Caamaño, o IES Virxe do Mar, o CEIP de Mesón do Vento, o CRA Nosa Señora do Faro, o CEIP Plurilingüe O Grupo, o CEIP Plurilingüe de Pumar-Urdilde, o CEIP Arquitecto Casas Novoa e o CEIP Pío XII.
Ademais, da provincia da Coruña, a de Lugo conta con 60 centros (cinco novos), fronte aos 54 de Ourense (seis novos) e 155 de Pontevedra (18 novos). Cada un deles ten asignada unha contía de entre 600 e 1.235 euros, en función do tipo de centro e do proposta presentada, para destinar fundamentalmente á adquisición de libros para as actividades do club, que pasarán posteriormente aos fondos da biblioteca escolar, así como para gastos derivados do funcionamento do club.
Un lugar para compartir experiencias lectoras
Poñer en marcha un club de lectura nun centro educativo consiste, basicamente, en promover a participación dun grupo de alumnado para compartir as súas experiencias lectoras, coa mediación dun adulto que conduza todo o proceso.
Normalmente estes clubs de lectura -cuxo espazo natural son as bibliotecas escolares- vense enriquecidos polo emprego das tecnoloxías da información e a comunicación (que contribúen á lectura en diversos soportes, permiten introducir as narrativas transmedia e facilitan a difusión de actividades), así como pola participación de adultos da comunidade educativa que propician o intercambio de experiencias interxeracionais.
Ademais da dinamización a prol da lectura e ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida, os Clubs de Lectura tamén están concibidos como espazos de convivencia e de educación cidadá.