A provincia da Coruña agarda uns 191.000 desprazamentos durante a operación “Santiago – 2025”

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, fixo un chamamento á responsabilidade individual e á prudencia na condución ante o importante volume de tráfico que se agarda na provincia durante a operación especial “Santiago – 2025”, activa desde as 15:00 horas do xoves 24 ata a medianoite do domingo 27 de xullo.
Segundo advertiu Rivas, só na provincia da Coruña prevese a circulación de arredor de 191.000 vehículos, dentro dun total de máis de 555.000 desprazamentos en toda Galicia. Os principais destinos serán as zonas costeiras e as segundas residencias, especialmente durante as tardes do xoves, venres e domingo, cando se espera maior intensidade circulatoria.
A operación especial contará coa mobilización máxima de recursos por parte da Dirección Xeral de Tráfico, coa participación da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, persoal técnico dos centros de xestión, helicópteros con cámaras, drons e paneis de mensaxería variable.
“Apelo á cidadanía para que planifique as súas viaxes, evite as horas de maior intensidade e, sobre todo, respecte as normas de tráfico, porque o obxectivo común é chegar e volver con seguridade”, insistiu a subdelegada.
Rivas tamén subliñou que este é “un dos períodos do ano con maior mobilidade nas estradas galegas” e que “a seguridade viaria non depende só dos medios despregados, senón tamén da responsabilidade individual”. “O noso obxectivo é claro: que todas as persoas que saen volvan sans e salvas ás súas casas”, concluíu.