A proposta dun Plan Municipal de Vivenda do BNG de Miño foi rexeitada no Pleno

ACoruñaXa
Segundo traslada a formación nacionalista, o Goberno local negou a existencia dun problema de vivenda
Alberte-G-Nicolas-bng-miño
23 Apr 2025

O BNG de Miño aposta por pór en marcha un Plan Municipal de Vivenda para o que presentou unha moción no Pleno.Con esta proposta o BNG pretende abordar de maneira integral os problemas de acceso á vivenda no municipio. A proposta, defendida polo portavoz Alberte G. Nicolás, foi rexeitada ao non contar co apoio do Goberno local do PSOE, que negou a existencia dun problema de vivenda e afirmou que o Concello non ten capacidade para implementar as medidas propostas.

As nacionalistas expuxeron datos obxectivos que amosan un claro crecemento da poboación en Miño e un parque de vivendas de alugueiro cada vez máis reducido e cuns prezos cada vez máis altos. A isto súmase un importante número de vivendas de uso turístico (VUT), algunhas das cales operan fóra de calquera control ou regulación, mais “todas supoñen unha redución da oferta de vivenda dispoñíbel para alugueiros de longa duración e unha carga adicional para os servizos públicos municipais, xa que o Concello de Miño non percibe unha contraprestación pola actividade económica que supoñen as VUT, ao non existir unha taxa turística que compense o uso intensivo dos servizos e infraestruturas municipais”.

“A realidade é teimuda, se hoxe visitamos un dos portais dixitais especializados na compra e aluguer de vivenda, veremos que en Miño só hai unha vivenda de alugueiro por debaixo dos 500€, mentres que o resto son na súa maioría pisos vacacionais. E no mercado de compra, das 152 vivendas dispoñíbeis, só 40 están por debaixo dos 150.000€, moitas delas en mal estado. Negar que hai un problema é poñerse de costas á realidade e á xente”, criticou Alberte G. Nicolás.

A proposta do BNG, que non prosperou, incluía medidas como a regulación e limitación das VUT con licenza obrigatoria, inspeccións e taxa turística; a elaboración dun censo de vivendas baleiras e creación dunha bolsa de vivenda a prezos taxados; a mobilización da vivenda desocupada mediante incentivos fiscais e alugueiro garantido ou a implantación de programas de rehabilitación para vivendas en ruína ou deterioradas.

“O que demandamos desde o BNG era que o Concello se adiante aos problemas e actúe dentro das súas posibilidades. Non estamos a falar da promoción de obra nova como única alternativa, senón de mobilizar tamén vivenda xa existente e garantir que quen o precisa poida acceder a unha vivenda digna”, engadiu o edil nacionalista.

Desde o BNG lémbran que, malia ser coñecedoras de que a competencia en materia de vivenda recae maioritariamente na Xunta de Galiza, a inacción do goberno do PP obriga aos concellos a dar un paso adiante. “O máis grave é que nin o PP nin o PSOE, os dous partidos que gobernan en Galiza e no Estado, non amosan unha mínima vontade de regular o mercado nin de garantir o dereito á vivenda con políticas públicas ambiciosas. A súa negativa a unha proposta sensata e aplicábel como a nosa amosa que a vivenda non é unha prioridade”, lamentaba o voceiro nacionalista.

O BNG lamenta a falta de compromiso do PSOE, que argumentou o seu voto en contra asegurando que en Miño a vivenda estaba asegurada, mais as nacionalistas lembran que “o problema non é número, senón o acceso a ela e os altos prezos que hai que pagar hoxe en día”. “Resulta decepcionante que ante un problema que afecta a moitas persoas, o goberno local prefira negar a evidencia en lugar de actuar. Miño non é unha excepción, e ignoralo só empeorará a situación”, concluíu o concelleiro.

⚙ Configurar cookies
0.088206052780151