A programación de NCD Educa achega ás aulas a realidade do colectivo LGTBIQ+

ACoruñaXa
Case 600 alumnos de 3º e 4º de primaria e 1º da ESO participaron xa nas xornadas
diversidade-sexual-aulas
7 Feb 2025

As aulas de once institutos, sete da cidade e catro da comarca (Oleiros, Cambre e Arteixo), achegaranse á realidade do colectivo LGTBIQ+ a través do cine. Forma parte da programación de NCD Educa, desde principios de xaneiro e ata mediados de marzo.

Case 600 alumnos de 3º e 4º de primaria e 1º da ESO participaron xa nas xornadas do NCD Educa, que inclúen a proxección das curtametraxes 'El mueble de las fotos', 'Ese lugar partido', 'Pancarta' e 'Antes de la Erupción'. Tras os pases destes títulos, a comunidade escolar entra en debate cos representantes do colectivo.

Así pasou esta mañá no IES Fernando Wirtz con alumnos e alumnas de 12 e 13 anos. Para unha delas, Sara Samaki, “o máis importante é o respecto e ter unha mentalidade aberta”. O seu compañeiro David Palla define a xornada como “moi interesante e reflexiva”, mentres que Iker Díez destacou que “é moi bonito expresarte como queres sen ter nada que te reprima. Avanzamos moito, pero segue habendo xente maior que se aferra ao pasado e non tratan con respecto aos demais.”

A experiencia do NCD Educa é para Lúa Gaudiza “moi necesaria porque hai persoas que se ven oprimidas e necesitan que a súa realidade se normalice”. Paula Pérez agredeceu que “nos ensinasen a preguntar con que pronome se identifica cada un para poder dirixirnos a esa persoa con el, ela ou ele”.

O NCD Educa continuará as vindeiras semanas coas visitas ao IES Ramón Otero Pedrayo (11 e 18 de febreiro), IES Eusebio da Guarda (13 de febreiro), e IES Sardiñeira (14 de febreiro). En marzo, o día 17, visitará o IES Miraflores, de Oleiros. A actividade está organizada polo Concello da Coruña e a Asociación Palestra. Conta coa colaboración da Cinemateca Pedro Zerolo, Fundación 26 de Diciembre, Sex Point de CASCO, CoruFest e LesCoruña.

O festival Norte Cinema Diverso celebrará a súa terceira edición os días 20, 21 e 22 de febreiro no Teatro Colón. A sesión matinal do sábado, que inclúe a proxección de seis curtametraxes, é de balde.

0.19195508956909