A proba ciclista 'O gran camiño' empezará na Coruña cunha etapa a contra reloxo

ACoruñaXa
A etapa coruñesa será o 22 de febreiro e terá á Torre de Hércules como punto de saída e de chegada
A alcaldesa Inés Rey presenta o circuíto 'O gran Camiño' na Coruña
9 Feb 2024

A terceira edición do Gran Camiño, a proba ciclista por etapas máis importante de Galicia e unha das mellores de España, comezará o xoves 22 de febreiro cunha etapa contra o reloxo que se desenvolverá integramente na cidade da Coruña.

"É unha honra que a nosa cidade marque o comezo deste evento, que se retransmitirá en directo a máis de 170 países", sinalou a alcaldesa Inés Rey, que confirmou a participación dos mellores ciclistas do mundo, como Jonas Vingegaard (vixente gañador do Tour de Francia), Egan Bernal, Ethan Hayter ou Carlos Rodríguez. "O Gran Camiño aspira a consolidarse dentro do calendario internacional e A Coruña quere ser decisiva para o seu crecemento", apuntou a socialista.

A etapa coruñesa terá á Torre de Hércules, no seu décimo quinto aniversario como Patrimonio da Humanidade, como punto de saída e chegada. Está prevista a participación de 120 ciclistas, que partirán un a un desde o faro, levando a cabo un percorrido de 14,9 quilómetros que atravesará o Paseo marítimo, os barrios de Cidade Escolar, Labañou, Os Rosales e O Portiño, desde onde os participantes regresarán polo paseo marítimo ata a Torre. Está previsto que o primeiro corredor saia ás 14.40 horas.

Con só dúas edicións desenvoltas, 'O Gran Camiño' xa é un referente nacional e internacional, formando parte do calendario internacional da UCI e sendo escollido no 2022 como mellor evento deportivo de Galicia. "O xoves 22 viviremos unha gran festa do deporte e do ciclismo na cidade. Unha proba única que lles permitirá aos amantes deste deporte e aos coruñeses e coruñesas en xeral ver en directo os mellores ciclistas do mundo", indicou Rey.

O Concello desplegará un amplo dispositivo de seguridade

Por outra banda, esta primeira etapa contará cun amplo dispositivo de seguridade que garantirá o normal desenvolvemento da xornada. A proba transcorrerá polas seguintes vías: o Paseo marítimo, Matadoiro, avenida Pedro Barrié de la Maza, avenida de Bos Aires, paseo de Rolda, avenida de San Roque (ata este punto, en sentido contrario ao establecido para a circulación de vehículos), avenida de Labañou, rolda de Outeiro, Manuel Azaña, Emilio Gonzalez López, Simón Bolivar, Carmen Rodríguez-Losada Trulock, estrada dos Fortes, estrada do Portiño e paseo marítimo ata a Torre de Hércules.

O dispositivo de seguridade quedará establecido a partir das 11.00 horas, procedendo ao peche total do circuíto ás 13.00 horas. A reapertura ao tráfico levarase a cabo de maneira progresiva, confirmada á finalización da etapa e a chegada dos participantes á meta. Os cortes de tráfico motivarán desvíos e regulación das rúas paralelas para minimizar os efectos ás persoas usuarias e veciños afectados polo evento.

Nos próximos días o Concello dará traslado das alteracións no tráfico por zonas e barrios, así como das alternativas de transporte e mobilidade expostas.

0.18415212631226