A primeira poxa do Plan de Ruínas da Coruña remata cun novo propietario para o edificio de Damas 3

ACoruñaXa
Un particular ofreceu 141.321 euros polo inmoble, en ruína dende hai anos, e a adxudicación obriga a estabilizar a fachada de inmediato e a presentar o proxecto de reforma en tres meses
O edificio do número 3 da rúa Damas, no barrio da Cidade Vella
9 Jan 2026

O edificio da rúa Damas número 3, o primeiro inmoble incluído no Plan de Ruínas impulsado polo Goberno de Inés Rey, cambiará de mans nos vindeiros días tras pecharse a primeira poxa forzosa do programa, pioneiro en Galicia. O obxectivo da iniciativa é rehabilitar espazos urbanos degradados cando as persoas propietarias desatenden durante anos os requirimentos municipais de conservación.

A Mesa de Contratación reuniuse este venres para determinar a oferta gañadora. Presentáronse tres propostas, cun prezo de saída de 110.884 euros, e finalmente a mesa propuxo a adxudicación a un grupo de catro particulares representados por Jorge Vázquez Couto, ao presentar a oferta máis alta: 141.321 euros. A persoa adxudicataria deberá completar os trámites necesarios para formalizar a compra nos próximos días.

Segundo explica o Concello, o sistema do Plan de Ruínas permite sacar a poxa un inmoble cando a propiedade non actúa sobre el, e o importe recadado entrégaselle ao titular actual. En paralelo, quen resulte adxudicatario asume obrigas inmediatas: os pregos recollen que debe executar de xeito inmediato obras de estabilización da fachada. Ademais, desde a sinatura da compra contará con tres meses para presentar un proxecto de reforma e cun prazo máximo de nove meses para iniciar as obras de rehabilitación.

A alcaldesa, Inés Rey, defendeu que a medida busca evitar que a cidade teña que “padecer nas súas rúas” a falta de responsabilidade de quen non acomete as actuacións de mantemento e conservación necesarias para garantir a seguridade e a salubridade na vía pública.

O Goberno municipal lembra que o Plan de Ruínas xa permitiu que outros inmobles na rúa Orzán cambiasen de mans nos últimos meses e que se presentasen proxectos para a súa restauración. A intención é continuar aplicando este sistema para frear a degradación urbana e contribuír tamén a aumentar a bolsa de vivenda dispoñible.

⚙ Configurar cookies
0.080766916275024