A primavera trae de volta o Entroido de Collantres cun xantar popular o 29 de marzo

ACoruñaXa
A celebración, aprazada a comezos de marzo por causas de forza maior, terá lugar na antiga escola de Queirís, en Coirós, con sesión vermú, música, sorteos e menú tradicional
COIRÓS festa
27 Mar 2026

O Entroido de Primavera de Collantres xa ten nova data. A celebración, que estaba prevista inicialmente para comezos de marzo e que tivo que ser adiada por causas de forza maior, desenvolverase finalmente o domingo 29 de marzo na antiga escola de Queirís, no municipio de Coirós.

A xornada arrancará ás 13.00 horas cunha sesión vermú acompañada de pinchos e da actuación musical de Ángel, cun repertorio centrado na 'música de sempre e de hoxe'. Xa ás 14.30 horas está previsto o xantar popular, cun menú tradicional composto por lacón, chourizo, grelos, cachelos e garavanzos, ademais de filloas, sobremesa, café, auga, viño e pan.

A programación inclúe tamén sorteos, nunha cita pensada para reunir á veciñanza arredor dunha das celebracións máis populares do calendario festivo. Desde a organización, ACR Collantres, insístese ademais en que para asistir é necesario aboar a cota de socia ou socio e volver formalizar a inscrición.

O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 25 de marzo, e as persoas interesadas poden solicitar máis información e reservar praza a través do teléfono 682 30 05 84. Co cambio de data xa confirmado, Collantres prepara así unha nova convocatoria do seu Entroido de Primavera, co obxectivo de manter vivo o ambiente festivo a pesar do aprazamento inicial.

0.12919592857361