A primavera estréase con alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña

A primavera chega a Galicia cun temporal co vento como protagonista. A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro nos litorais das provincias da Coruña e Pontevedra. Co fin de garantir a seguridade dos bens e das persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde esta madrugada no oeste e suroeste da Coruña por vento do sueste de ata forza 9, con refachos moi fortes, e mar combinada do sur ou suroeste con ondas de ata 7 metros.
Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte suspende este xoves 20 de marzo a actividade deportiva federada no mar nesas áreas da Coruña e Pontevedra debido á alerta laranxa por fenómeno costeiro, segundo as previsións dos órganos predictores. A limitación rexerá a partir das 5.00 horas durante todo o día no oeste da Coruña e ata as 17.00 horas no suroeste desta provincia. A Xunta lembra a importancia de permanecer afastado da liña de costa, é dicir, diques, rompentes e paseos marítimos.