A presión veciñal medra contra o 'muro' de ADIF na estación de Teixeiro

ACoruñaXa
A Plataforma Veciñal reúne xa 2.051 sinaturas para reclamar unha solución urxente ao peche do paso peonil, unha medida que consideran que parte o núcleo en dous e agrava os problemas de accesibilidade e seguridade
CURTIS paso tren teixeiro
22 Mar 2026

A contestación social contra o peche do paso peonil da estación de Teixeiro segue medrando. A Plataforma Veciñal de Teixeiro fixo público este 21 de marzo o seu primeiro reconto oficial de apoios, cun total de 2.051 sinaturas, das que 1.842 foron recollidas en papel e 209 por vía dixital, nun movemento co que a veciñanza quere forzar a ADIF a dar unha resposta inmediata.

O colectivo denuncia que a clausura do paso, executada o pasado 3 de febreiro, supuxo unha fractura para o día a día do núcleo, ata o punto de asegurar que a vía férrea 'divide o pobo en dous'. A plataforma considera que a decisión adoptada pola administración ferroviaria foi 'imprudente', ao suprimir unha conexión histórica sen habilitar unha alternativa que garanta condicións adecuadas de mobilidade e seguridade.

Segundo recollen no manifesto difundido estes días, o actual paso soterrado presenta unha pendente excesiva e beirarrúas insuficientes, unhas eivas que, advirten, afectan de maneira especial ás persoas con mobilidade reducida, á xente maior e á infancia. A isto engaden a repercusión social e comercial da medida, xa que entenden que o peche rompe unha comunicación esencial entre dúas partes do pobo.

A reivindicación veciñal non pasa por recuperar unha solución do pasado, senón por executar unha infraestrutura moderna e adaptada ás necesidades actuais. Por iso, a principal demanda é a construción dun paso a distinto nivel, xa sexa elevado ou soterrado, que sexa plenamente accesible e seguro para toda a cidadanía.

A protesta conta, ademais, co respaldo unánime da corporación municipal. O Pleno do Concello xa acordou reclamar a ADIF unha saída urxente para un problema que xerou un crecente malestar entre a poboación e que se converteu nun dos grandes asuntos de preocupación local nas últimas semanas.

Dende a Plataforma Veciñal de Teixeiro insisten en que non están dispostos a asumir que a infraestrutura ferroviaria se converta nunha barreira permanente no medio da localidade. 'Non permitiremos que a vía férrea se converta nun muro. Cada firma é unha razón máis para que ADIF cumpra coa súa responsabilidade', sinalan dende o colectivo, que mantén a mobilización aberta mentres agarda unha resposta.

CURTIS cartel via
0.11957001686096