A presión veciñal forza a retirada dun vertedoiro ilegal nun dos puntos negros de Altamira

A denuncia levada por Alternativa ao último pleno municipal xa tivo unha primeira consecuencia visible en Altamira: a limpeza das verteduras acumuladas na zona de colectores situada no cambio de sentido da N-550, un enclave que o grupo sinala como un dos máis problemáticos do municipio polo uso recorrente como vertedoiro ilegal.
A formación lembra que a situación en Altamira vai máis alá deste episodio e inclúe, segundo expuxo, beirarrúas en mal estado e con pouca limpeza, camiños deteriorados e problemas de seguridade viaria que, aseguran, xa derivaron en varios atropelos. Nesa liña, critica a falta de actuación dos últimos gobernos municipais e avisa de que seguirá insistindo nas melloras para a zona.
No tocante ás verteduras incontroladas, Alternativa subliña que se trata dunha reclamación recorrente. No pasado novembro, indica, o actual executivo comprometeuse a poñer en marcha medidas de concienciación e prevención, ademais de reforzar a vixilancia e as sancións. Porén, o grupo sostén que, a día de hoxe, non se perciben avances nese sentido.
Como propostas concretas, Alternativa volveu poñer sobre a mesa a posibilidade de habilitar un canal de denuncias anónimo a través da app municipal de incidencias ou, alternativamente, estudar o traslado dos colectores a outra localización. 'Altamira é Cambre', recalcan desde o grupo, que celebra a rapidez desta primeira actuación e asegura que se manterá vixiante.