A presión para actuar na DP-1705 de Tarrío chega ao pleno

O PP de Culleredo defenderá no próximo pleno municipal unha moción para esixir á Deputación da Coruña o inicio inmediato das obras pendentes na DP-1705 ao seu paso por Tarrío. A formación sostén que o tramo situado entre o CEIP de Tarrío e a conexión coa AC-400 continúa sen beirarrúas, o que obriga a numerosos escolares e veciños a camiñar polo arcén nunha zona con tráfico intenso.
A reclamación chega un ano despois de que o goberno local presentase un proxecto integral para mellorar a seguridade viaria nesta estrada provincial. Segundo informou daquela o Concello, a intervención foi redactada pola administración municipal para ser executada pola Deputación e dividíase en dúas fases, cun investimento global superior aos 384.000 euros. A segunda actuación, que é a que centra agora a petición do PP, abrangue desde o punto quilométrico 1,353 ata o 1,720 e incluía a construción de novas beirarrúas, a ampliación da calzada e a renovación do firme, cun orzamento de 249.905,48 euros.
Porén, a obra segue sen arrancar. A portavoz popular, Izaskun García, denuncia que o proxecto continúa sen calendario coñecido e defende que xa non abondan os anuncios. Na moción, o grupo reclamará tamén iluminación axeitada en todo o tramo, mantemento periódico das cunetas e medidas de calmado do tráfico para reforzar a seguridade nun punto especialmente sensible pola presenza do centro educativo.
Desde o goberno local, o alcalde José Ramón Rioboo asegurou esta semana que a actuación verá a luz 'nos próximos meses'. Segundo explicou, a intervención inicialmente prevista era máis sinxela e limitada á contorna inmediata do colexio, pero a actuación no pavillón obrigou a introducir modificacións que acabaron atrasando a licitación do proxecto definitivo.