A praza de María Pita acollerá unha homenaxe musical a Sito Sedes nas festas do 175 aniversario

A cidade da Coruña renderá tributo este verán a unha das grandes voces da música galega. A praza de María Pita será o escenario, o vindeiro 12 de agosto ás 22.00 horas, do concerto 'Homenaxe a Sito Sedes. O cantante eterno', unha cita especial protagonizada pola orquestra Los Satélites con convidados e convidadas que interpretarán algúns dos temas máis emblemáticos do artista.
O evento, enmarcado nas Festas de María Pita 2025, foi presentado pola alcaldesa Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e por persoas próximas ao propio Sedes como María Salgado, a súa compañeira, Javier Saavedra, director de Los Satélites, Andrés Lobato, antigo vocalista da formación, e o músico e escritor Xurxo Souto. Tanto Lobato como Souto foron os impulsores da iniciativa.
Durante a presentación, a rexedora destacou a importancia do espectáculo para poñer en valor un xénero tradicional galego que, por veces, non recibe o recoñecemento que merece. “A música de orquestra ábrese paso na programación das festas de María Pita, dignificando un xénero musical que é tamén identidade galega e coruñesa”, afirmou Rey.
O concerto contará cun repertorio que recollerá clásicos interpretados por Sito Sedes ao longo da súa carreira, especialmente na súa etapa como vocalista de Los Satélites, grupo co que deixou unha fonda pegada na música popular do país. “Sito Sedes simboliza un vínculo vivo coa tradición, con esa Galicia que celebra, que canta, que se reúne arredor da música”, engadiu a alcaldesa.
A entrada ao concerto será de balde e supón unha das primeiras actividades confirmadas do programa das festas, xunto coa actuación de Baiuca prevista para o 1 de agosto. A programación completa será presentada proximamente e servirá tamén para conmemorar o 175 aniversario das Festas de María Pita, unha efeméride que promete estar á altura da historia e da cultura coruñesas.