A praza da Constitución converterase este sábado nun clamor pola paz e pola causa palestina en Betanzos

Betanzos sumarase este sábado á vaga de mobilizacións convocadas en toda España para expresar o rexeitamento á guerra en Oriente Medio e manter o foco sobre a situación do pobo palestino en Gaza. A cita está fixada para as 12.00 horas diante da Casa Consistorial, na Praza da Constitución, e forma parte da xornada estatal impulsada pola plataforma Parar la Guerra.
A convocatoria local intégrase nunha acción coordinada en arredor de 150 poboacións do Estado. No caso galego, están previstas concentracións en decenas de localidades, entre elas A Coruña, Ferrol, Arteixo, Santiago, Pontevedra, Vigo ou a propia Betanzos, todas elas cunha mensaxe común a prol da paz e da defensa dos dereitos do pobo palestino.
O movemento convocante leva activo desde outubro de 2023 e agrupa a máis de 150 organizacións sociais, sindicais e profesionais. Para esta nova xornada, a plataforma chama á cidadanía a saír á rúa baixo o lema 'Hai que parar a guerra en Oriente Medio. Non esquecer Gaza', nun intento de reforzar a presión social e política ante a evolución do conflito.
A mobilización do sábado encaixa, ademais, nun contexto de actividade continuada en Betanzos arredor da causa palestina. Ese mesmo 14 de marzo, ás 20.30 horas, o Cine Alfonsetti acollerá a proxección de 'La voz de Hind', incluída no ciclo 'Betanzos con Palestina', organizado polo Concello de Betanzos e a Plataforma Comarca Betanzos con Palestina. A entrada será de balde ata completar a capacidade.
Deste xeito, Betanzos vivirá unha xornada marcada pola reivindicación e pola sensibilización, combinando a presenza na rúa cunha proposta cultural que busca manter viva a reflexión sobre o drama palestino e a necesidade dunha resposta cidadá fronte á violencia.