A Praia Grande de Miño estrea un parque acuático pioneiro na provincia da Coruña

A Praia Grande de Miño conta desde esta semana cun novo atractivo estival: un parque acuático instalado no propio areal, o único deste tipo nunha praia da provincia da Coruña. Esta nova infraestrutura de lecer preséntase como “unha das grandes alternativas de ocio para mozos e maiores durante a tempada estival”.
O parque permanecerá aberto todos os días, en horario de 12.00 a 20.00 horas, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. Está destinado a persoas maiores de 6 anos que superen os 1,10 metros de estatura. Os menores de entre 6 e 13 anos deberán acceder acompañados dunha persoa adulta, mentres que os adolescentes de 13 a 17 anos poderán entrar con autorización asinada.
Por motivos de seguridade, todos os usuarios deberán levar posta en todo momento unha pulseira identificativa e un chaleco salvavidas homologado. A zona estará constantemente vixiada por socorristas profesionais.
O acceso ao parque organizarase en quendas de 30 minutos para garantir a seguridade e o disfrute de todos os participantes. Estarán dispoñibles tres modalidades de tarifa:
- Entrada simple, con acceso ao parque nadando.
- Pack Paddle, que combina o acceso ao parque coa práctica de paddle surf.
- Pack Kayak, que permite elixir entre o parque ou a navegación en kayak, con ata dúas persoas adultas e un menor por embarcación.
Con esta iniciativa, Miño reforza a súa oferta turística e de lecer, engadindo un aliciente máis para atraer visitantes ao seu litoral neste verán.