A praia de Perbes gaña en integración paisaxística e recuperación ambiental

ACoruñaXa
A Xunta achegou máis de 45.000 euros para unha actuación executada en Miño que mellora os accesos, reforza a biodiversidade e busca previr riscos asociados ao cambio climático
MIÑO melloras praia perbes
19 Mar 2026

A praia de Perbes, en Miño, conta cunha contorna máis integrada, accesible e respectuosa co medio natural tras a execución dunha actuación de mellora paisaxística e recuperación ambiental impulsada coa colaboración da Xunta de Galicia. A intervención foi visitada este mércores pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde, Manuel Vázquez Faraldo.

O proxecto supuxo un investimento próximo aos 70.000 euros, dos que máis de 45.000 foron achegados polo Goberno galego a través da liña de axudas dirixida ás entidades locais para promover solucións baseadas na natureza e medidas de prevención fronte aos efectos do cambio climático en espazos urbanos e periurbanos.

A actuación desenvolvida en Perbes permitiu avanzar na conservación do espazo natural e na mellora da experiencia das persoas usuarias da praia, ao tempo que reforza a conexión entre o medio urbano e a contorna costeira. Entre os traballos realizados figura a eliminación e control de especies exóticas invasoras, especialmente da cana común, co obxectivo de favorecer a biodiversidade.

No acceso norte á praia acondicionouse unha plataforma de madeira de 50 metros cadrados que salva as diferenzas de cota e facilita unha mellor integración paisaxística. Ademais, habilitáronse zonas de estancia con estruturas de madeira e asentos incorporados, pensadas para ofrecer espazos cómodos e sostibles desde os que gozar da contorna.

No acceso sur, os traballos centráronse na mellora do pavimento e na instalación dun banco corrido de madeira, unha solución que busca combinar funcionalidade e harmonía estética co lugar. A maiores, incorporáronse medidas orientadas ao aforro de auga, como a substitución das duchas existentes por lavapés.

Durante a visita, Belén do Campo puxo en valor esta intervención como exemplo do compromiso da Xunta coa conservación do medio natural, a calidade dos espazos públicos e a promoción dun turismo sostible. Segundo sinalou, a actuación contribúe tamén a mellorar a accesibilidade e o uso da praia tanto para a veciñanza como para os visitantes.

A representante autonómica aproveitou ademais para lembrar que en 2025, primeiro ano desta convocatoria de axudas, beneficiáronse en Galicia 35 concellos, esgotando os 2 millóns de euros dispoñibles. Deles, 11 pertencían á provincia da Coruña, con achegas por importe de case 630.000 euros. Na comarca de Betanzos resultaron beneficiarios Abegondo, Bergondo e Miño, con máis de 149.000 euros en total.

De cara a 2026, a Xunta volverá destinar outros 2 millóns de euros a esta liña de subvencións, que se tramitará en concorrencia non competitiva. A axuda cubrirá o 80 por cento do custo dos proxectos, cun límite de 60.000 euros por iniciativa e un máximo de tres solicitudes por concello. Ademais, nesta segunda convocatoria simplifícanse os trámites, amplíanse os prazos de execución e xustificación e introdúcese a posibilidade de solicitar anticipos para facilitar a participación das administracións locais.

Con esta actuación en Perbes, Miño reforza a súa aposta por unha mellora sostible da fachada litoral e por un modelo de espazo público máis verde, adaptado ao cambio climático e centrado na calidade ambiental.

0.113774061203