A porcelana toma protagonismo cun novo obradoiro nas Torres de Santa Cruz

O Concello de Oleiros impulsa unha nova proposta arredor da cerámica coa organización dun obradoiro de porcelana que terá lugar os días 10, 17 e 24 de abril na Escola Municipal de Olería das Torres de Santa Cruz. A iniciativa, promovida polo museo Os Oleiros, busca achegar ao público xeral un dos materiais máis apreciados no ámbito cerámico e tamén un dos máis complexos de traballar.
A actividade estará impartida pola ceramista Carmen Piñón, que será a encargada de guiar ás persoas participantes nun percorrido práctico para coñecer as posibilidades da porcelana e adquirir recursos para manexala con maior soltura.
O obradoiro desenvolverase en dúas quendas. A primeira será de 16.00 a 18.30 horas e a segunda de 18.30 a 20.00 horas. A proposta está dirixida a persoas maiores de 14 anos empadroadas no Concello de Oleiros.
O prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 10 e o 26 de marzo, mentres que o sorteo das prazas celebrarase o 27 de marzo ás 10.00 horas. Con esta nova actividade, o Concello reforza a súa programación vinculada á olería e á divulgación de técnicas cerámicas entre a veciñanza.