A Policía Nacional Adscrita de Galicia comisa 23 quilos de percebe e abre sete sancións por furtivismo na Coruña

ACoruñaXa
O operativo, realizado xunto coa Confraría de Pescadores, saldouse tamén coa incautación de sete rasquetas metálicas na contorna da Torre de Hércules e Monte Alto
A CORUÑA percebes
22 Jan 2026

A Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia, en colaboración coa Confraría de Pescadores da Coruña, comisou 23 quilos de percebe e interveu diverso material empregado para a extracción ilegal de marisco, entre o que destacan sete rasquetas metálicas. A actuación desenvolveuse no marco dun dispositivo conxunto de prevención do furtivismo levado a cabo na contorna da Torre de Hércules e no paseo marítimo de Monte Alto, na cidade da Coruña.

No operativo participaron efectivos da UPA da Coruña e do Grupo de Investigación do Equipo de Resposta Policial (ERPOL), ademais do servizo de vixilancia da confraría. Como resultado, os axentes identificaron sete persoas, inspeccionaron dous vehículos e tramitaron sete actas por infracción da Lei de Pesca de Galicia.

O marisco incautado foi entregado a un centro benéfico da cidade. Desde a unidade explican que, neste caso, detectouse o uso de rasquetas metálicas, unha ferramenta que arrinca exemplares de maneira indiscriminada e sen respectar as tallas mínimas. Este método deixa a rocha espida e provoca un importante impacto sobre a fauna mariña asociada, incrementando o dano ambiental.

A intervención enmárcase no reforzo de vixilancia e control que a Unidade Adscrita desenvolve en coordinación coa Consellería do Mar e coas confrarías, con dispositivos dirixidos tanto a frear a actividade extractiva ilegal como a impedir a venda, o transporte e a distribución de produto sen as garantías sanitarias esixidas.

⚙ Configurar cookies
0.07927393913269