A Policía Local de Culleredo detecta máis de 200 infraccións por velocidade

ACoruñaXa
A avenida de Alvedro concentra a maior parte das denuncias durante a campaña especial de control
cull-carretera
20 Apr 2025

A Policía Local de Culleredo realizou durante o primeiro trimestre do ano unha campaña especial centrada no control do cumprimento dos límites de velocidade nas principais estradas interurbanas do municipio. O obxectivo da iniciativa era identificar os tramos con maior número de infraccións para adoptar medidas de prevención e mellora da seguridade viaria.

As campañas desenvolvéronse durante dúas semanas, nos meses de xaneiro e marzo, mediante o uso dun vehículo dotado con radar móbil. Como resultado, foron tramitadas un total de 206 denuncias por exceso de velocidade, todas en tramos cun límite establecido de 50 km/h.

A avenida de Alvedro foi o punto máis crítico, acumulando 160 das infraccións rexistradas, seguida da avenida Juan Carlos I, con 26 denuncias, e a avenida de Almeiras, con 17. Pola súa parte, na avenida de Fonteculler detectáronse dúas infraccións e unha única na avenida de Vilaboa.

A maioría das sancións producíronse por superar o límite permitido sen superar os 70 km/h, un total de 154 casos. Non obstante, tamén se rexistraron casos graves, como unha condución a 100 km/h na avenida de Alvedro, e cinco infraccións por circular arredor dos 90 km/h, catro delas tamén en Alvedro e unha en Juan Carlos I.

Estes datos permitirán ao Concello adoptar medidas para mellorar a seguridade viaria, tanto mediante a aplicación de medidas físicas para reducir a velocidade como co incremento do control policial en zonas especialmente sensibles.

Desde o Concello tamén destacan que nas avenidas urbanas recentemente reformadas, como é o caso de Vilaboa, o grao de cumprimento dos límites de velocidade é moito maior, o que suxire que as melloras no deseño urbano contribúen a unha condución máis responsable.

⚙ Configurar cookies
0.13342595100403