A Policía Local de Betanzos traslada as súas oficinas ao Liceo desde o mércores 22 de outubro

A Policía Local mudará as súas oficinas ao edificio o mércores 22 de outubro. O corpo ocupará a zona na que ata agora se situaban os servizos de Urbanismo, que permanecerán tamén no Liceo pero na ala máis próxima á Alameda, xunto ao departamento de Obras. O resto de servizos de atención cidadá continúan, igualmente, no Liceo.
O novo punto de atención ao público funcionará de luns a venres, de 9.00 a 14.00. Ademais, manterase un dispositivo telefónico permanente as 24 horas: no 981 770 694 para información xeral, atestados e obxectos perdidos, e no 981 770 602 para emerxencias.
Para adaptar as dependencias, o Concello acometeu traballos de mellora que incluíron a creación de vestiarios, puntos de atención, despachos e armeiro. Este traslado é un paso intermedio antes da sede definitiva anunciada no antigo edificio de Sindicatos.
A liberalización das antigas instalacións da Policía Local no casco histórico permitirá convertelas nun centro museístico e nun novo punto de información turística. Deputación e Concello subscribiron un protocolo para poñer en marcha unha exposición estable que difunda a historia e a identidade de Galicia. O acordo recolle o compromiso municipal de redactar e executar a rehabilitación do inmoble, con espazos diáfanos e accesibles axustados ás esixencias dunha mostra permanente. A oficina municipal de Turismo trasladarase a estas novas dependencias, e o local que ocupa hoxe pasará a formar parte dos accesos ao propio Liceo.