A poesía da Senda dos Sentidos cobra vida en vídeo na Feira da Cultura EnCaMiño

ACoruñaXa
Instalaranse códigos QR en diferentes puntos da Senda con acceso aos vídeos dos recitais
VIDEO-ROTEIROS-miño
17 Feb 2025

O Concello de Miño presentou oficialmente os vídeos do recital poético celebrado o pasado 21 de xullo de 2024 na Senda dos Sentidos, dentro da III Feira da Cultura EnCaMiño. O acto tivo lugar o domingo 16 de febreiro no centro social de A Rúa e permitiu revivir a atmosfera íntima e especial do evento, no que os poetas Yolanda Castaño, Manuel Rivas, Lúa Mosquetera e Sol Mariño ofreceron un recital único en plena natureza.

Durante a presentación, a propia Yolanda Castaño, acompañada pola xornalista e escritora María Nieto, compartiu co público a súa experiencia naquel recital, destacando a maxia do entorno e a conexión especial cos asistentes. Ademais, anunciouse un adianto da programación da IV Feira da Cultura EnCaMiño, que se celebrará, como é tradición, durante a terceira fin de semana de xullo. Nesta próxima edición, a feira contará coa participación de destacadas figuras da literatura galega como Yolanda Castaño, Xurxo Souto, Chus Pato, Pedro Feijoo e Arantza Portabales, entre outros.

A concelleira de Cultura, Catalina Morado, subliñou a importancia desta iniciativa para a promoción da poesía e da cultura en Miño. “Con estes vídeos -que xa están dispoñibles no canal de YouTube do Concello- estendemos a experiencia da Feira da Cultura EnCaMiño máis alá do propio evento, permitindo que calquera persoa poida gozar da beleza da palabra nun entorno único”, afirmou.

Ademais, como parte do compromiso do Concello de Miño coa difusión da cultura e da literatura galega, instalaranse códigos QR en diferentes puntos da Senda dos Sentidos. Estes permitirán aos visitantes acceder aos vídeos dos recitais e revivir a emoción do evento no mesmo lugar onde tivo lugar.

0.16225814819336